O PSdeG-PSOE de Rairíz de Veiga denuncia a “insostible situación económica deste concello”, que acumula débedas a traballadores e proveedores ademais de sentenzas condenatorias por diversos procedementos xudiciais.
O portavoz socialista neste concello, Eulogio Fernández, sinala que os feitos se remontan á serie de sentenzas xudiciais que dúas traballadoras do concello acumulan, e que culminan nun burofax do pasado 7 de xuño a través do que o alcalde lle comunica a unha delas “que lle exonera do deber de traballar se ben provisionalmente co dereito a percibo das retribucións que lle correspondan”.
Fernández sinala que “sentenza tras sentenza, o rexedor municipal fai oídos xordos á xustiza e acumula débedas que fan que a situación económica do concello sexa irreversible”.
“Aos 59.000 euros que o concello ten que pagar a un traballador do servizo de lixo, e ás débedas acumuladas a diversos provedores, o alcalde vai sumando unha condena tras outra das demandas interpostas por dúas traballadoras de servizos sociais”, recorda o portavoz socialista neste Concello.
Euloxio Fernández lembra que unha das traballadoras leva inmersa en procesos xudiciais dende 2008, primeira sentenza que declara improcedente o seu despido. Foi recurrida polo concello, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulo o despido e a readmisión da traballadora nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despido.
O alcalde non acatou a sentenza e en dous novos xuízos declaráronse nulos os despidos e condenado o Concello por “vulneración de dereitos fundamentais” á reposición inmediata nas mesmas condicións que rexían con anterioridade e ao abono dos salarios deixados de percibir. A este sentenza segue o burofax remitido polo alcalde no que se exonera do deber de traballar á empregada, sinala o concelleiro socialista de Rairiz de Veiga.
Noutro caso a serie de sentenzas por vulneración de dereitos producíronse ao longo de 2009 e do presente ano 2010 e condenan ao concello ao pago de diversas indemnizacións, que superan os 10.000 euros, máis a reclamación pendente de sentenza do pago da antigüidade cuxa contía ascende a 12.000 euros.
Ademais están pendentes de xuízo sendas querelas criminais por delictos de coaccións, amezas contra os dereitos dos traballadores, lesións, violacións do dereito á integridade física e psíquica no traballo, violación do dereito a ser escoitado, negación do dereito á información e á comunicación, atropelo de dereitos adquiridos mediante o mobbing, fixación malintencionada de prazos que as vítimas non poden cumprir, atropelo do dereito ao honor mediante calumnia intencionada, atropelo do dereito á defensa xurídica legal, e atropelo do dereito á intimidade ou á inviolabilidade da información confidencial que afecta á persoa.
Tamén están abertas no Xulgado de Instrución de Xinzo de Limia dilixencias previas iniciadas a instancias do Ministerio Fiscal en orden a depurar as posibles responsabilidades do rexedor por delictos varios.
Por último, o portavoz socialista lembra que no seu día o alcalde anunciara o seu paso ao Grupo Mixto, e que solicitara a baixa do BNG, pero pasado o tempo este cambio non se ten materializado no concello, polo que Euloxio Fernández esixe ao BNG que aclare cantos concelleiros ten en Rairiz de Veiga.
|