A visita de Magdalena Álvarez ás obras do eixo Ourense-Santiago da alta velocidade, deixa alómenos dúas lecturas interesantes: segundo Pérez Touriño, a seguridade de que o AVE chegará a Galicia no ano 2012; e, segundo a ministra, que neste mesmo mes de setembro sairá a información pública o estudo informativo da alta velocidade no treito Vigo-Ourense.
 
Noticias Relacionadas
  En marcha la práctica totalidad de las obras del eje Ourense-Santiago de la alta velocidad
 
 
Touriño dí que a visita de Álvarez ratifica a chegada do AVE a Galicia no 2012
4 de SEPTIEMBRE de 2007: OURENSE DIXITAL

"A visita de hoxe permitiunos certificar, e que todos os galegos poidan constatar, o importantísimo esforzo, investimento e avance que se está facendo na construción do AVE en Galicia". Así se expresou este martes o titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, durante a visita que realizou xunto coa ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, e a conselleira de Política Territorial, María José Caride, ás obras de construción da liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago.
Emilio Pérez Touriño remarcou que con esta visita se acaba de ratificar que o AVE chegará a Galicia no ano 2012, tal e como tiña comprometido o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, co máximo mandatario galego.

O xefe do Executivo autonómico sinalou que as obras visitadas hoxe supoñen unha redución dunha hora sobre o tempo de viaxe actual, o que suporá que o treito entre Santiago e Ourense se cubrirá en 25 minutos coa posta en marcha do tren de alta velocidade.
Na súa intervención ante os medios, o presidente da Xunta de Galicia quixo remarcar o contacto "fluído e permanente" que mantén co presidente do Goberno español, e lembrou o compromiso de Zapatero de que a alta velocidade fose unha realidade en Galicia no ano 2012. "Coa visita de hoxe puidemos constatar o volume, a importancia e o avance das obras do AVE, de gran complexidade", sinalou Pérez Touriño, subliñando que van supoñer un "cambio cualitativo" nas comunicacións na Comunidade galega.

Neste mesmo sentido pronunciouse a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, que remarcou que o máis importante é que a conexión en alta velocidade dende Ourense a Santiago se poderá facer en 25 minutos, e dende o viaduto sobre o río Portos ata o viaduto do Deza, obras visitadas hoxe, o tempo será tan só de 10 minutos. "Iso é o importante para o cidadán e para a conexión de todas as comunicacións en Galicia", indicou Álvarez, engadindo que se está a avanzar nas obras do AVE "dunha maneira moi importante", reducíndose o tempo de percorrido en máis dunha hora entre Ourense e Santiago.

O treito Vigo-Ourense en setembro

En declaracións aos xornalistas, a titular do Ministerio de Fomento confirmou que neste mesmo mes de setembro sairá a información pública o estudo informativo da alta velocidade no treito Vigo-Ourense, tal e como se tiña comprometido. "Dixen que a finais de verán estaría, e a finais de verán estará", aseverou a ministra.
Ademais, Magdalena Álvarez explicou que o treito Ourense-Santiago, cun investimento de 1.841 millóns de euros, está "todo en obras" e que se está a traballar nos proxectos de acceso a estas dúas cidades. Xunto con isto indicou que se está a traballar no resto dos treitos da alta velocidade en Galicia co fin de darlle "o máximo pulo e a máxima celeridade".

A ministra de Fomento asegurou ademais que á súa chegada ao Goberno non había "nin un só proxecto aprobado de todo o treito Ourense-Santiago" e que coa visita de hoxe pon de manifesto "a complexidade, a importancia e o nivel de avance das obras" desta infraestrutura.
"Multiplicamos por 40 o ritmo investidor para conseguir que a obra de plataforma estea xa por enriba do 50%", aseverou a titular de Fomento, engadindo que o esforzo investidor do Goberno español se pon de manifesto cando vemos "esta infraestrutura, con esta complexidade, con esta importancia e con esta beleza".

Imprimir Página
 
  Emilio Pérez Touriño
 
           
REDACCIÓN de Ourense Dixital