Saen a licitación en casi 580.000 euros as obras de melloras de abastecemento a Sobradelo de Pumares de Carballeda
 
Case 580.000 euros suporán as obras de mellora de abastecemento de auga dos núcleos de Sobradelo (capitalidade do concello) e Pumares de Carballeda de Valdeorras. A Xunta de Galicia ven de licitar estas obras que darán servizo a 831 veciños deste concello ourensán, e que suporán a construción de máis de 12 quilómetros de novas tubaxes e 6,5 de novos camiños. Na actualidade, Sobradelo e Pumares abastécense por unha captación no río Candeda que se atopa nun estado de conservación "moi deficiente", segundo a Xunta de Galicia.
 
 
 
 
16 de OUTUBRO de 2012: OURENSE DIXITAL

A Xunta de Galicia ven de licitar as obras de mellora de abastecemento de auga no Concello de Carballeda de Valdeorras, por un importe de preto de 580.000 euros. O Diario Oficial de Galicia publicou este martes o contrato de obra pública, cuxo prazo de execución se fixa en 15 meses.
"Na actualidade os núcleos de Sobradelo e Pumares pertencentes ao dito municipio son abastecidos mediante unha captación no río Candeda, unha infraestrutura que se atopa nun estado de conservación moi deficiente, producindo numerosos cortes na subministración e restricións en época estival debido á escaseza de auga", sinala a Administración autonómica ao respecto desta obra.
Polo que os traballos deberán solucionar os problemas de abastecemento que sofren na actualidade os veciños deste núcleos, co que se dará servizo a máis de 831 habitantes.

A actuación, que se inclúe no Programa de Desenvolvemento Rural Sostible, conta cun investimento de 579.014 euros, que serán cofinanciados por  Augas de Galicia  e polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
Para solucionar os problemas detectados levaranse a cabo os seguintes traballos:

- No río Candeda executarase un camiño de acceso ao azude de 1.746 metros que inclúe cuneta nun lado en toda a súa lonxitude; a limpeza do azude e a colocación dunha comporta. Así mesmo, prevese a construción dunha caseta de captación, e para o filtrado das augas instalarase unha arqueta de filtrado e decantación;

- No depósito de Sobradelo e co fin de urbanizar o conxunto da depuradora e depósitos, prevese o rasanteo da superficie exterior, un peche perimetral da instalación, e pintaranse exteriormente os depósitos;

- Na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) cambiarase a porta da entrada, e procederase á renovación de ventás, recebado e colocación de lousas;

- En canto ás conducións que se van executar, poden distinguirse tres tramos; o primeiro, entre a captación e o depósito Sobradelo; o segundo treito, desde A Medua ao depósito de Sobradelo; e o terceiro tramo, desde o cemiterio a Pumares.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA