Catorce viños do Ribeiro consiguen o recoñecemento unánime da Asociación Italiana de Someliers
 
Catorce viños do Ribeiro tomaron parte en Verona, Italia, nunha cata temática dirixida aos membros da Asociación Italiana de Sommeliers. A organización italiana sinalou o elevado nivel das puntuacións acadadas polos viños do Ribeiro, e a unanimidade dos máis de 60 profesionais que participaron nesta degustación. Por outra banda, 5 viños do Ribeiro veñen de ser premiados no Challenge International du Vin 2013 de Burdeos, Francia.
 
 
 
 
 
25 de ABRIL de 2013: RIBEIRO DIXITAL

Catorce viños da Denominación de Orixe Ribeiro participaron en Verona (Italia) nunha cata temática dirixida aos membros da Asociación Italiana de Sommeliers.
A introdución dos viños correu a cargo de Carlos Juste Rossini, sommelier e membro da AIS Verona, e consistiu nunha cata guiada precedida dun seminario da D.O. Ribeiro.

A actividade estivo integrada dentro do plan anual da Associazione, unha organización fundada no 1965 con representación en todas as rexións de Italia.
O seu obxectivo foi achegar ao sector profesional italiano a realidade da Denominación máis antiga de Galicia e transmitir a singularidade das variedades autóctonas cultivadas nesta rexión vitivinícola.
Deste xeito, presentáronse catorce viños brancos, nunha mostra dos distintos vales, solos e elaboracións máis características do Ribeiro, para así trasladar a pluralidade e carácter desta terra histórica.

A organización italiana sinalou o elevado nivel das puntuacións acadadas polos viños do Ribeiro, subliñando ademais a unanimidade expresada polos máis de 60 profesionais que participaron nesta degustación.

Cinco viños do Ribeiro premiados no Challenge International du Vin 2013

Por outra banda, os viños do Ribeiro conseguiron cinco premios, dúas medallas de ouro, dúas de prata e unha de bronce, no Challenge International du Vin 2013 celebrado en Burdeos, Francia, os días 5 e 6 deste mes, e cuxos premios veñen agora de coñecerse.
A Denominación de Orixe Ribeiro subliña que "esta competición é un dos concursos máis importantes e reputados do mundo. Cada ano, preto de 800 expertos catadores xulgan a cegas máis de 5.000 viños precedentes de coarenta países".

Os viños do Ribeiro que acadaron premios neste certame foron Gran Alanís 2011, de Bodega Alanís, y Terra do Castelo Selección 2010 de San Roque, premiados con dúas medallas de ouro; Beade Primacía 2011 de A Portela y Manuel Rojo 2011 de Adega Manuel Rojo, premiados con medallas de prata; e Valdepuga 2011, de Valdepuga, que conseguiu medalla de bronce.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA