A Deputación de Ourense fíxose cargo este luns do servizo de limpeza e recollida de lixo de Ribadavia
 
Ribadavia estreou este luns o novo servizo de limpeza e recollida de lixo da vila, do que se fixo cargo con data 1 de setembro de 2012 a Deputación de Ourense. O Grupo do PP sinala que no primeiro dia de servizo nada que ver coa anterior concesionaria, lembra que ao Concello lle sae máis barato, ademais, e, polo tanto, pregunta ao Goberno municipal porque se lle prolongou tanto de xeito irregular a concesión á anterior concesionaria.
 
 
 
 
4 de SETEMBRO de 2012: OURENSE DIXITAL

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Ribadavia celebra o feito de que sexa a Deputación de Ourense a que, dende este primeiro de setembro, se faga cargo do servizo de recollida de lixo e da limpeza da capital do Ribeiro.
Así o sinala o portavoz do Grupo Popular, César Fernández, quen alude a un dobre motivo de satisfacción polo cambio de titularidade do servizo.

Por unha banda, porque o servizo lle sae ás arcas municipais máis económico. "Unha vez máis a realidade é a que pon a cada un no seu lugar, xa que nesta cesión do servizo á Deputación o Concello sae gañando economicamente, e tamén no que se refire á calidade do servizo", sinala o portavoz popular.
"Unha mellora que puidemos comprobar esta mesma mañá, na que se levou a cabo unha necesaria limpeza de contedores en diferentes untos do Concello, un feito que levábamos moito tempo sen ver", sinala César Fernández referíndose a estrea dos servizos da Deputación na titularidade da concesión da limpeza de Ribadavia.

Por outra banda, o portavoz popular sinala que, ao facerse efectiva a cesión do servizo, ponse fin á irregularidade administrativa na que estaba a incorrer o Concello dende o 1 de xullo de 2009, "posto que dende esta data non existía un contrato que regulara a relación entre a anterior empresa concesionaria e o Concello".
Irregularidade a que hai que engadir o feito de que se lle debía a dita empresa 85.444 euros, o que foi resolto polo Plan de Pago a Provedores articulado recentemente polo Goberno Central.

A este respecto, o Grupo do PP convida ao de Goberno "a que lle explique aos veciños de Ribadavia por que razón estivo dende o 1 de xullo de 2009, data na que se extinguiu o contrato coa empresa concesionaria, ata o 1 de setembro de 2012, mantendo unha situación que supuña peor servizo para os veciños e un maior gasto para as arcas municipais".

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  César Fernández, portavoz do GP do PP de Ribadavia  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA