Baltar sen baltarismo
 
Por ABELARDO VÁZQUEZ
 
 
 
 
27 de FEBREIRO de 2012: OURENSE DIXITAL

Por moi estraño que resulte, os primeiros pasos de Manuel Baltar á fronte da Deputación de Ourense non teñen nada que ver cos do seu pai, Xosé Luís. Ata o de agora, móvese cunha prudencia descoñecida nesa institución. Unha das súas primeiras decisións foi repartir as áreas de goberno entre os seus deputados. Unha renuncia formal á presidencia personalista do seu proxenitor. Tamén ten a mesma boa disposición para falar aos medios de comunicación, pero con mesura.

Sen levar nin sequera un mes no cargo, xa emendou a Baltar Pumar en asuntos de importancia. Aprobou unha moción que rexeita a ubicación prevista en O Irixo dunha incineradora á que xa se opuxo o PP en O Carballiño. Aos medios de comunicación, que non nos gustan os titulares profundos, xa nos valeu para dicir que o novo presidente reta a Núñez Feijóo, pero poderíamos preguntarnos se é Feijóo o que desafía os intereses dos veciños da comarca?

Manuel Baltar decidiu regresar a entes dos que marchara o seu pai, como o consello de administración de Meisa e o Consorcio do Festival de Cine.  No caso da Estación de Montaña de Manzaneda di que a Deputación debe ser a institución que abandeire a reivindicación de que se manteñan os postos de traballo e continúe a súa actividade revitalizada por un plan de viabilidade realista.
Propuxo a sindicatos e empresarios crear unha especie de Consello Económico e Social co que consultar e coordinar políticas que activen a economía ourensá.

Todo isto nun prazo de tempo mínimo. Xa se verá ata onde chega en cada un destes asuntos, pero está claro que Manuel Baltar ten outro xeito de facer política. Un xeito que xulgaríamos positivo en calquera outro, pero que custa admitir no seu caso por ser fillo de quen se cualificou a si mesmo como un cacique bo.

Resulta evidente que chegou aos cargos de presidente do PP ourensán e da Deputación por ser quen é, pero é certo tamén que, nas súas primeiras decisións, hai unha clara intención de marcar diferencias e de implantar na institución o seu propio estilo.
É probable que moitas das súas boas intencións queden en nada, como quedaron a maioría dos proxectos máxicos que nos leva presentado o PP ourensán nas últimas décadas, pero a intención de Baltar Blanco de trazar o seu propio camiño abre expectativas onde aparentaba non habelas.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
     
 
 
     
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google