A vinganza de Isabel Pérez
 
Por ABELARDO VÁZQUEZ
 
 
 
 
2 de SEPTIEMBRE de 2011: OURENSE DIXITAL

En tempos e momentos turbulentos é cando mellor coñecemos ás persoas. O xeito en que afrontamos as dificultades dá a medida do que podemos dar de nós mesmos e do que podemos ofrecer aos demais. Pensei isto cando escoite á líder do BNG en Ourense, Isabel Pérez, poucos días despois das eleccións municipais.

Trala perda de 3 concelleiros, semellaba estar anoxada con todos, PSOE e cidadáns en particular. Empregando unha ironía case ofensiva, a portavoz do Bloque deu a entender que non habería pacto cos socialistas e mesmo abríu as portas á posibilidade de que gobernase o PP sen a súa oposición. Dicía isto en medio de risas e sorrisos desafiadores que provocaron moitas preguntas dos sorprendidos xornalistas. Deu a impresión en todo momento de querer utilizar a derrota que lle daba a chave do goberno municipal, como un valor superior a toda análise política e electoral. Recentes intervencións públicas de Isabel Pérez confirman que esa ferida non está pechada.

Esta mesma semana abríu inútilmente a polémica ao ameazar con que a reforma da Constitución promovida por PP e PSOE podería afectar ó pacto de goberno no Concello de Ourense. Foi moi clara ao dicir que era un asunto que aínda non estaba avaliado polo BNG, pero que podía ter consecuencias. Poucos días despois, compareceu co alcalde, o paciente Francisco Rodríguez, para decir todo o contrario. Despois dunha intervención baleira de contido sobre o novo curso político, afirmou con rotundidade que non hai “ningún elemento que poña en dúbida a estabilidade do goberno local”.

Dá a impresión de que Isabel Pérez vai prolongar este xogo no que exhibe o seu poder como chave do poder municipal. Dá a impresión de que quere enviar a mensaxe de que con menos concelleiros segue a ser a que decide. Dá a impresión de que vive instalada no medo ao fracaso.

Os factores que levaron ao Bloque a perder a metade dos apoios cidadáns son varios e probablemente ningún deles teña que ver nin con Isabel Pérez nin coa xestión do seu grupo na anterior legislatura municipal. Garda relación cos problemas xudiciais de dous ex tenentes de alcalde e un director xeral (á marxe de que haxa ou non delicto) e do voto útil que sempre perxudica aos partidos minoritarios ou que non son, para ser máis precisos, nin PSOE nin PP.

Se Isabel Pérez quere castigar aos ourensáns con estas ameazas de inestabilidade pretendendo enviar algún tipo de mensaxe ao electorado, terá todas as de perder. A menos que unha parte dos votantes socialistas decidan, como noutras ocasións, castigar ao PSOE dándolle os votos ao BNG. En calquera caso, nada terá que ver coas absurdas actitudes da líder nacionalista.

Non estaría mal que o Bloque reaccione ante o proceder da súa cabeza visible e lle recorde que representa a alguén máis que a si mesma na súa actividade política. Son o suficientemente vello para saber que os líderes veñen e van, pero que os seus erros sempre os pagan os partidos e os cidadáns.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Isabel Pérez  
     
 
 
     
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google