As solicitudes de acceso aos ciclos formativos para o curso 2009-2010 incrementáronse nun 27,84%, un dato que para o director xeral de Educación, FP e Innovación, José Luis Mira Lema, “reforza a aposta da Consellería de Educación pola Formación Profesional”. Concretamente, rexistráronse 15.406 solicitudes, fronte ás 12.051 do curso pasado. O incremento foi moi destacado nos dous ciclos dispoñibles, pero en todo caso un pouco maior no grao superior (6.780 matrículas, un 28,76% máis) que no grao medio (8.626, un 20,34% máis).
 
 
Educación anuncia 11 novos títulos de grao superior e 7 de medio para o novo curso de FP
José Luis Mirá, director xeral de Educación, FP e Innovación
15 de AGOSTO de 2009: OURENSE DIXITAL
   

O incremento de solicitudes de acceso aos ciclos formativos apra o curso 2009-2010 incrementáronse nun 27,84%, segundo datos da Consellería de Educación da Xunta de Galicia que deu a coñecer este venres o director xeral de Educación, FP e Innovación, José Luis Mira Lema.
Para Mira Lema, este incremento débese en boa medida á crise económica e laboral que estamos a sufrir, polo que as persoas se interesan por incrementar a súa cualificación a través da FP e así dispoñer de máis oportunidades de acceder a un emprego. 

Por iso, e dentro da aposta do Goberno galego por adaptar o sistema educativo ás necesidades reais da sociedade galega, a Consellería sinala que vai centrar esforzos coa Formación Profesional a través de diversas liñas de actuación.
En primeiro lugar, elaborarase unha norma básica para desenvolver a Lei de Cualificación de F.P., impulsada no 2002 polo propio Mira Lema durante a súa etapa no Ministerio de Educación. Sobre este punto, o director xeral de Educación lamentou o tempo perdido nos últimos anos, tanto por parte do Goberno Central como da anterior administración autonómica, impedindo que a sociedade galega afrontase cunha maior preparación a a actual crise económica.

A Consellería tamén prevé revisar a oferta formativa da Formación Profesional en Galicia co obxectivo de corrixir diversos desaxustes e adaptarse así ás necesidades específicas de cidades, vilas e comarcas. Para iso contarase cos axentes sociais de cada zona (empresarios e sindicatos) para favorecer a empregabilidade e competitividade.

Igualmente, reforzarase a rede de centros integrados de F.P (CIFP) -14 en total: 11 dependentes da Consellería de Educación e 3 de Traballo e Benestar- nas que se impulse o desenvovemente de accións e proxectos de I+D+i co obxectivo de favorecer un emprego estable e con maior valor engadido. Con esta misión ofertarase unha maior formación tanto á dirección como ao profesorado dos CIFP e implementarase un sistema da mellora da calidade.

Outra actuación prevista pola Consellería será establecer un verdadeiro sistema de Información e Orientación Profesional para facilitar que os estudantes coñezan as mellores oportunidades de formación e emprego dispoñibles en cada momento.
Tamén se implantará progresivamente un sistema para a mellora continua da calidade que permita garantir a calidade e a eficacia das accións de formación, orientación, avaliación e recoñecemento das competencias profesionais.

18 novos títulos para o novo curso

Para o próximo curso escolar implantaranse once novos títulos de grao superior e sete títulos de grao medio. Un dos cambios máis significativos é a introdución dunha nova familia profesional cunha gran proxección de futuro, ‘Enerxía e auga’, co ciclo de ‘grao superior Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica’. Na actualidade, 252 centros de Galicia imparten ciclos formativos (177 públicos e 75 privados), dos cales 11 son centros integrados que imparten unicamente formación profesional.

Durante a rolda de prensa, Mira Lema tamén destacou que a FP é a porta de entrada á Universidade para moitos estudantes, ofrecendo unha ampliación da formación académica. Igualmente, aporta unha solución a un dos maiores problemas da sociedade en materia educativa, o fracaso escolar, ao permitir obter o título de graduado na ESO a través dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). No curso 2009-2010 comezará a implantarse o segundo ano dos PCPI en 63 centros repartidos por toda Galicia.

Por último, desenvolverase un procedemento de avaliación, recoñecemento e acreditación das competencias profesionais algo xa previsto pola Lei de Cualificacións do 2002 pero que, incomprensiblemente, non foi aprobado polo Goberno estatal ata hai unhas semanas. Este procedemento permitirá avaliar e convalidar as competencias de persoas non tituladas pero con experencia profesional posibilitando que poidan acceder a un título.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página