Dez concellos máis da provincia adhírense á compostaxe doméstica por un convenio entre Deputación e Sogama
 
O Carballiño, Castrelo de Miño, Punxín, Rairiz de Veiga, Ribadavia, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Viana do Bolo, son os 10 concellos que este venres se adheriron á compostaxe doméstica segundo o convenio que veñen de suscribir a Deputación de Ourense e Sogama. Son concellos que se quedaron fora da campaña de compostaxe do 2010 e, polo tanto, fora da cooperación en materia de recolleda dos Residuos Sólidos Urbáns.
 
 
 
 
 
9 de MARZO de 2013: OURENSE DIXITAL

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, formalizaron este venres na institución provincial ourensá un convenio de colaboración en materia de compostaxe doméstica ao que se adscribirán este ano nove municipios da provincia, incorporados dende o ano 2010 aos acordos de cooperación para a xestión delegada do servizo de recollida de residuos urbanos.
Neste caso, os concellos elixidos serán aqueles que non quedaron cubertos pola campaña de compostaxe doméstico de 2010, por non estar adheridos, nese momento, aos convenios de cooperación coa Deputación, na xestión de recollida de RSU. Son 10 concellos en total, O Carballiño, Castrelo de Miño, Punxín, Rairiz de Veiga, Ribadavia, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Viana do Bolo, que se suman aos 47 que a Deputación xa tiña incorporado aos seus dispositivos de recollida de lixo.

A iniciativa, dotada con 25.000 euros, será financiada a partes iguais pola Deputación de Ourense e Sogama, encargándose esta última da edición de material didáctico e divulgativo. Pola súa banda, o ente provincial responsabilizarase do control do desenvolvemento da campaña, asumindo a dirección e supervisión dos traballos realizados, participando nos labores de comunicación orientados aos representantes políticos e técnicos dos concellos participantes e supervisando os contidos a difundir nas correspondentes xornadas formativas.
Tamén asumirá o seguimento, xa que persoal especializado será o encargado de visitar casa por casa para comprobar o labor dos participantes, resolver dúbidas e corrixir erros.

"Confíase en que o proxecto teña unha boa acollida, toda vez que se trata de recuperar unha práctica tradicional en Galicia como é a separación dos materiais orgánicos para alimento do gando e/ou fabricación de compost", sinala a institución que dirixe Baltar Blanco. En todo caso, o proceso modernízase coa dotación duns recipientes axeitados que permiten unha operación máis hixiénica e controlada.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
   
   
 

Por MANUEL DOPAZO