A Xunta aproba cerca de 400.000 euros para obra hidráulica na rúa da Canella Cega de Verín
 
Cerca de 400.000 euros suporá a dotación de infraestruturas hidráulicas da rúa Canella Cega na vila de Verín, cuxas obras ven de aprobar este xoves o Consello da Xunta de Galicia. O proxecto reflicte a execución dun colector de augas pluviais que recollerá a verteduras que se produzan na cabeceira da propia rúa.
 
 
 
 
5 de OUTUBRO de 2012: OURENSE DIXITAL

O Consello da Xunta autorizou este xoves o convenio de colaboración técnica e financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Verín para a dotación de infraestruturas hidráulicas na rúa Canella Cega.
As obras supoñen unha achega de máis de 392.000 euros.

Explica a consellería de Agustín Hernández que na actualidade a rede de saneamento discorre polo medio da rúa e acométense a ela as augas pluviais, posto que non existe rede específica para estas. Isto provoca que en época de chuvias se producen inundacións como consecuencia de que a rede entra en carga e se desborda. O proxecto autorizado hoxe solucionará estes problemas mediante a instalación dunha rede separativa, adecuada ás necesidades desta zona.

O proxecto de mellora recolle a modificación do trazado do colector procedente do barrio de San Roque, converténdoo no colector xeral ata o seu entroncamento coa rede existente. Fanse aliviadoiros á canle existente de pluviais. Na parte alta da Rúa Canella Cega, faise a separación das augas, cunha rede para pluviais. Ademais, completarase a rede de abastecemento por ambas as marxes da rúa  e reporanse todos os servizos afectados.
Na rúa Canella Cega instalarase un colector de pluviais de diámetro 400 mm que recolle as verteduras que se producen na cabeceira da propia rúa na gabia existente, recolle o aliviadoiro do colector de fecais que procede da rúa da Lonxa Agropecuaria, e verte na canle existente de pluviais. Na cabeceira da rúa Espido proxéctase un pequeno colector de pluviais procedente da zona de Fontenova.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA