Emigración da Xunta asina en Venezuela convenios para mellorar as condicións dos emigrantes galegos máis necesitados
 
O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, ven de asinar  en Caracas tres acordos para atención socioasistencial, e que están destinados, fundamentalmente, a persoas maiores que quedaron sen a cobertura médica máis básica. A dotación global da Xunta de Galicia para diversas accións desenvolvidas polas entidades da diáspora, ascende neste caso a 100.000 euros.
 
 
 
 
4 de XUÑO de 2012: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, ven de asinar  en Caracas tres convenios para a protección social e sanitaria dos colectivos de galegos emigrados naquel país e que se atopan en situación máis precaria. Asemade, Camba asinará un cuarto acordo pasado mañá, sábado, en Valencia de Venezuela.

O primeiro dos convenios asinados pretende dar cobertura sanitaria básica a cidadáns galegos que quedaron en pleno desamparo socioasistencial debido a modificacións nas prestacións asistenciais naquel país. Trátase dun acordo que se asina por primeira vez, e que pretende dar resposta a unha situación nova de emerxencia social para milleiros de emigrados galegos en Venezuela.

Así, e segundo reflicte o texto do acordo, “moitos emigrantes galegos que tiñan subscrita a súa cobertura médica a través de entidades mutualizadas quedaron sen tales coberturas”, por mor dun cambio na normativa venezolana.
Deste colectivo, unha gran porcentaxe son galegos, e moitos deles non teñen outra opción de asistencia que a ‘Hermandad Gallega de Venezuela’. Segundo os datos do CERA, preto de 45.000 emigrantes galegos residen na República Bolivariana, confirmando este destino como o segundo país estranxeiro con máis galegos, despois da Arxentina.
Mercé ao acordo, Emigración colabora no financiamento do programa de atención sanitaria básica dos cidadáns galegos residentes en Venezuela que non perciban pensión económica por ancianidade.
Os destinatarios da acción han ser persoas de orixe galega con nacionalidade española e residentes en Venezuela, que pola súa idade, estado físico e situación de carencia, non dispoñan de cobertura sanitaria. Emigración reserva trinta mil euros para este convenio, que estipula a documentación que a Hermandad deberá presentar para xustificar os gastos derivados da súa sinatura.

O secretario xeral da Emigración asinou despois outro acordo coa Fundación Española de Emigrantes Dependentes, presidida por María Estrella Salgado, para o desenvolvemento do Servizo de Axuda a Domicilio.
Trátase dunha iniciativa “social, pública e comunitaria que presta unha serie de atencións e coidados de carácter persoal, psico-social, educativo, doméstico e técnico aos individuos e unidades de convivencia no seu domicilio cando se atopan en condicións nas que non é posible a realización das súas actividades habituais, ou en situación de conflito psico-ocial ou familiar para algúns dos seus membros”, segundo recolle o texto do acordo asinado en Caracas.

Os beneficiarios do acordo han ser cidadáns de orixe galega ata segundo grao de consanguinidade, inscritos no Consulado Español como residentes en Venezuela, e que pola súa idade, minusvalidez ou enfermidade, se atopen en situación de dependencia acreditada.
O departamento que dirixe Santiago Camba destinará a este acordo dez mil euros, que han ser debidamente xustificados pola entidade receptora en gastos de tarefas de atención persoal, coidados especiais, e traballos de índole preventiva e de axuda á vida social e relacional para a superación de situacións de crise severa.

O terceiro dos convenios asinados involucra, ademais de á Secretaría Xeral da Emigración e á Hermandad Gallega, ao Consorcio Galego de Igualdade e do Benestar, dependente da Consellería de Traballo e Benestar. Mercé a ese acordo, as tres partes garanten a continuidade da atención ao colectivo de emigrantes galegos no Centro de Día da Hermandad.

Trátase da renovación dun acordo que permite a asistencia sociosanitaria elemental para unha boa parte dos galegos residentes na capital venezolana, que quedarían desprotexidos sen o importante labor que realiza neste eido a Hermandad. O acordo achega corenta mil euros, destinados en exclusiva a paliar as necesidades socio-asistenciais máis básicas da diáspora galega no país caribeño.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Santiago Camba Bouzas  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA