A Xunta de Galicia sufragará a asistencia básica a emigrantes galegos en Río de Janeiro
 
O secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba Bouzas, ven de asinar un convenio para a asistencia a necesidades básicas da colectividade galega en Rio de Janeiro. Tamén rubricou un acordo para axudar a Xunta na reforma da "Casa de España", en boa parte derrubada por as chuvias torrenciais. En Sao Paolo, Santiago Camba recibiu o premio Marcial Mariñas, un dos galardóns máis destacados da diáspora no Brasil.
 
 
 
 
26 de MARZO de 2012: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, ven de asinar un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a "Sociedade Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada" para asistencia a necesidades socio sanitarias básicas da colectividade galega residente en Río de Janeiro.
O departamento de Camba sinala que en Río de Xaneiro reside unha amplísima colonia de galegos e de seus descendentes, na súa maioría maiores, que están a sufrir unha moi difícil situación socioeconómica, que xera un deterioro do seu nivel de vida, que asemade se está a agravar debido á falta real e operativa de mecanismos integrais de cobertura social e asistencial para este colectivo.

Os destinatarios finais do convenio serán as persoas de orixe galega ou descendentes destes, ata o segundo grao de consanguinidade, con nacionalidade española e residentes en Río, que pola súa idade, estado físico e situación de carencia, teñan a necesidade de residiren no centro asistencial xestionado pola Sociedade. Para o financiamento das actuacións previstas, a Secretaría Xeral da Emigración achegará a contía de quince mil euros.

Trala sinatura deste convenio, Santiago Camba trasladouse ata a "Casa de Espanha" De Río, onde foi recibido polo seu presidente, Antonio Carlos Carballo. Ambos asinaron un convenio de colaboración, que serve nesta ocasión para a realización e obras de reforma que permitan un mellor servizo aos galegos, moitos deles de avanzada idade, vinculados a esta institución.
A "Casa de Espanha" de Río de Xaneiro é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa actualmente a preto de 1.350 emigrantes galegos, sendo a principal entidade galega na megalópole brasileira. Ten como obxectivos servir de vínculo entre os membros da colectividade española, promover reunións sociais, culturais e recreativo-deportivas entre os seus asociados, incentivar actividades culturais, así como levar a cabo actividades de carácter asistencial, educativa e filantrópica.

Santiago Camba retornou ese domingo a Galicia trala sinatura destes dous convenios e dos que o sábado rubricou en Santos e Sâo Paulo, onde tamén reside outra boa parte da colonia galega en Brasil. Así, na "Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro" de Santos asinou un acordo para asistencia a necesidades socio sanitarias básicas da colectividade galega residente nesa cidade do Estado de Sâo Paulo.
Tamén visitou o "Centro Espanhol e Repatriación", da mesma localidade, e á "Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao", na zona de Vila Monumento, onde coñeceu de primeira man as necesidades da entidade e dalgúns dos galegos residentes na zona.

Aquí recibiu o secretario xeral de Emigración o Premio Marcial Mariñas, que lle foi concedido pola Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos. Trátase do maior recoñecemento outorgado por esta entidade, e que se lle entrega polo "importante apoio brindado á colectividade galega e española".

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA