Concellos de Valdeorras e Deputación tentan comarcalizar o ciclo hidráulico co "Consorcio de Augas"
 
Nunha xuntanza mantida este luns cos nove alcaldes dos concellos que conformar a comarca de Valdeorras, o presidente da Deputación de Ourense trasladoulles a iniciativa do "Consorcio de Augas", fórmula que, promovida pola institución provincial ourensá, servirá para impulsar a comarcalizació do ciclo hidráulico. O seu principal obxectivo é que este servizo vital para o cidadán lle saia máis barato aos concellos.
 
 
 
 
 
20 de MARZO de 2012: OURENSE DIXITAL

Os nove concellos que forman a comarca de Valdeorras e a Deputación de Ourense reuníronse este luns para estudar a creación do “Consorcio de Augas de Valdeorras”, un ente que xestionará os servizos municipais relacionados co ciclo hidráulico, especialmente no que atinxe á depuración das augas residuais. Este modelo de xestión, que promove a Deputación de Ourense, servirá para impulsar a comarcalización do ciclo hidráulico, e ten como obxectivo acadar máis aforro e eficiencia nos servizos prestados aos cidadáns.

A reunión co presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, asistiron os alcaldes de A Rúa, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Petín, Larouco, Vilamartín de Valdeorras, O Bolo, A Veiga e Rubiá.
José Manuel Baltar destacou que a cooperación entre concellos e a Deputación, por medio da agrupación de servizos municipais, "axilizará a xestión e mellorará a asistencia e a prestación de servizos, neste caso concreto, no que se refire ao ciclo da auga".
A iniciativa da Deputación de Ourense de crear este "Consorcio da Auga" ten o apoio da Xunta de Galicia, a través de  Augas de Galicia, e consiste en integrar un consorcio cos concellos de Valdeorras, Augas de Galicia e a propia Deputación Provincial, no que se delegarán as competencias municipais de depuración de augas residuais.

O proxecto enmárcase na liña estratéxica de actuación da Deputación de Ourense, recentemente definida por Manuel Baltar como unha aposta pola agrupación funcional de servizos municipais. Sinala a Deputación de Ourense que con esta fórmula do consorcio de augas, mantéñense os principios de descentralización e a máxima proximidade da xestión ao cidadán, permitindo a creación dunha estrutura estable de cooperación a escala comarcal que abre a porta á comarcalización doutros servizos municipais. A Deputación de Ourense dedicará un especial esforzo a garantir a viabilidade do consorcio, dotándoo dos medios necesarios para a súa organización e funcionamento, sen que supoña ningún custe para os concellos.

Alcaldesa de Carballeda e Asociación de Pizarristas

Na súa visita á comarca de Valdeorras, Manuel Baltar mantivo tamén hoxe unha reunión de traballo coa alcaldesa de Carballeda, Mª Carmen González, con quen abordou temas relacionados con infraestruturas e servizos para o municipio de Carballeda, e coa Asociación Galega de Pizarristas, mantendo unha xuntanza coa xunta directiva, na que se acordou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Asociación Galega de Pizarristas para este sector estratéxico da provincia de Ourense, co obxectivo de levar a cabo accións de promoción, difusión, investigación e planificación mineira no ámbito da lousa.

Manuel Baltar comprometeuse diante dos directivos da Asociación de Pizarristas a realizar "unha labor de intermediación diante das administracións para que as necesidades dun sector preponderante en Galicia como é o da lousa poida acadar as solucións ás súas necesidades".

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
 
   
   
 

Por MANUEL DOPAZO