Camba sinala que agora que se fusionan os concellos debería estudarse a fórmula para os centros da diáspora
 
"Nun momento en que se fusionan os concellos, débese estudar esa fórmula para os centros da diáspora", sinala o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba. Os centros na diáspora deben unirse para poder seguir garantindo prestacións recreativas, pero sobre todo socio asistenciais e sanitarias, que son as máis relevantes, segundo o secretario de Emigración da Xunta. Quen sinala que os fluxos migratorios cara o exterior apenas rexistran cambios significativos nos últimos anos, aínda que poida parecer o contrario.
 
 
 
 
 
19 de MARZO de 2012: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, debullou esta mañá no programa ‘Bos Días’, da Televisión de Galicia, os eixos fundamentais da nova Lei de Galeguidade, que substituiría á vixente desde 1983, e que foi pioneira na súa materia en toda España. Nesa reforma traballa arreo o seu departamento desde hai meses, agárdase que conte cun amplo consenso e respaldo das comunidades galegas no exterior, e que poda elevarse á súa tramitación parlamentaria canto antes.

Entre os eixos da nova Lei de Galeguidade que prepara a Xunta de Galicia, o secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba Bouzas, ven de destacar a incorporación ao seu articulado das relacións entre os centros galegos no exterior e as plataformas de axuda á exportación creadas pola Xunta de Galicia para favorecer os intereses das empresas galegas no estranxeiro.
Tamén salienta, como outro dos aspectos clave do novo texto legal, a preservación do patrimonio material e inmaterial de moitos centros galegos no exterior, nomeadamente aqueles encravados en países con serias dificultades económicas.

Camba incide, asemade, na posible fusión daqueles centros que, por mor do envellecemento ou falta de relevo xeracional entre a directiva, están a esmorecer paseniño. Para o máximo responsable de Emigración no Executivo galego, os centros na diáspora deben unirse para poder seguir garantindo prestacións recreativas, pero sobre todo socio asistenciais e sanitarias, que son as máis relevantes para o Goberno galego e tamén para as entidades, así para os propios beneficiarios, os galegos no exterior.
Sostén Camba que "nun momento en que se fusionan os concellos, débese estudar esa fórmula para os centros da diáspora".

Ao respecto do suposto incremento da emigración nos últimos meses por efecto da crise, Camba lembrou que "o perfil de mozo que hoxe se vai a Europa é moi distinto ao do pasado. Temos a xeración mellor formada da nosa Historia, e hai moitos rapaces dispostos a irse a Alemaña ou Reino Unido a mellorar a súa formación, pero van en condicións moi distintas ás das xeracións anteriores".
Neste senso, o secretario xeral da Emigración asegurou que, estatisticamente falando, os fluxos migratorios cara o exterior apenas rexistran cambios significativos nos últimos anos. "Non se debe confundir a aquel que marcha a mellorar a súa formación, ou a buscar un posto de traballo mellor retribuído, co emigrante que coñecemos hai tempo", recalcou Camba.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA