Ourense acolle este xoves a Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas
 
Ourense acolle este xoves a Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas. Na xuntanza verase o informe xeral de actividades presentado polo propio secretario de Emigración da Xunta, Santiago Camba, e tamén un informe específico sobre a a reforma da Lei da Galeguidade, proxecto que se pretende debata o Parlamento de Galicia no máis breve prazo posible de tempo
 
 
 
 
15 de DECEMBRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, preside este xoves en Ourense a xuntanza da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas. Os dezaseis membros da mesma serán ademais recibidos en audiencia o venres polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.
Na xuntanza verase o informe xeral de actividades presentado polo propio Camba, e tamén un informe específico sobre a a reforma da Lei da Galeguidade, proxecto que se pretende debata o Parlamento de Galicia no máis breve prazo posible de tempo.
Tamén se verán os asuntos que se deben tratar no plenario do Consello das Comunidades Galegas o vindeiro ano 2012, e finalmente haberá unha rolda de intervencións libres, onde os membros da Comisión poderán reflectir as súas achegas e opinións sobre os temas de actualidade da diáspora.

A Comisión está composta por 16 membros. Dous sono por razón do seu cargo: presidente da Xunta e secretario xeral da Emigración. Outros dous son membros permanentes: un do Centro Galego de Bos Aires, e outro da Casa de Galicia de Montevideo, polas respectivas importancias histórica e numérica na diáspora destes dous centros senlleiros. E os outros doce membros son electos: catro representantes dos centros do resto de España, catro dos do resto de Europa, e os outros catro dos centros de América. En tódolos casos, e como marca a normativa, os centros han estar inscritos no Rexistro de Comunidades Galegas.

A Comisión Delegada funciona como órgano permanente entre plenarios do Consello das Comunidades Galegas, e reúnese anualmente. A última xuntanza tivo lugar o pasado 12 de agosto de 2010. Neste 2011, foi vontade da Secretaría Xeral da Emigración evitar que a súa xuntanza puidese ter interferencias de carácter electoral, polo que a data de celebración foi fixada con posterioridade ás eleccións do 20-N.

O Consello das Comunidades é o órgano representativo dos emigrantes galegos, da Galicia do exterior. Con carácter deliberante e funcións consultivas, a última reunións do seu plenario –que, por norma debe celebrarse cada tres anos- tivo lugar en Montevideo en decembro de 2009, polo que ao longo do 2012 deberá levarse a cabo a seguinte reunión plenaria.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Santiago Camba Bouzas, secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia  
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA