O Arqueolóxico presenta este mércores as Sítulas de Santomé como "Peza do Mes" de decembro
 
As Sítulas de Santomé son "A Peza do Mes" de decembro do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, e serán presentadas este mércores polo director do Museo, Xulio Rodríguez. A sítula é un recipiente metálico, de forma troncocónica, cilíndrica ou ovoide, sen colo, de orixe oriental. Atópase en baixorrelevos sirios e en pinturas dalgunhas tumbas exipcias do século XVI antes de Cristo
 
 
 
 
 
14 de DECEMBRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense presentará este mércores, 14 de decembro, ás oito da tarde, a "Peza do Mes" de decembro, as denominadas como Sítulas de Santomé, recipientes metálicos que se conservan no museo e que formaban parte da vaixela empregada na época romana.
A peza elixida, as Sítulas de Santomé, está representada por un conxunto de sítulas, recipientes metálicos de orixe oriental. Entre elas destacan dúas practicamente enteiras e que proceden de diferentes campañas e áreas do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé. Con esta elección, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense quere dar a coñecer algúns dos utensilios que compuñan a vaixela metálica de orixe romana, un dos apartados menos estudados da arqueoloxía tanto hispana como galega.

A sítula é un recipiente metálico, de forma troncocónica, cilíndrica ou ovoide, sen colo, de orixe oriental. Atópase en baixorrelevos sirios e en pinturas dalgunhas tumbas exipcias do século XVI a.c., sendo amplamente introducido no mundo grego e romano.
As Sítulas de Santomé están compostas por unha sítula realizada nunha fina lámina de metal por martelado e estirada a torno, que presenta forma bitroncocónica, con forte carena no terzo inferior, fondo lixeiramente convexo e borde esvasado, rematado nunha pestana vertical.

Xunto a ela, exponse outra sítula de paredes rectas con lixeira carena baixa e borde lixeiramente esvasado con pestanas triangulares con perforación circular, recortadas na propia folla de metal, para suspensión da asa.

Outro exemplar, de maiores dimensións, consta dunha placa cuadrangular calada con decoración de dupla e tripla soga. Presenta perforacións para remaches, tanto no traveseiro, para adaptarse ao borde da sítula, como nos extremos inferiores.

A "Peza do Mes" é unha actividade que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense realiza desde o ano 1999. Esta iniciativa ten por obxectivo afondar no coñecemento histórico, artístico e material dunha peza que pertence ás coleccións do museo e que permanece exposta todo o mes na Sala de San Francisco. Ademais, editase un folleto no que un especialista ou investigador dá a coñecer a súa historia particular, o contexto histórico e as características formais ou de estilo.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
 
HACE HOY UN AÑO 14, MARTES
 
El Plan Hidrológico de la Cuenca del Miño-Sil está listo para salir el miércoles a información pública, confirmó Liñares
Liñares recomienda campañas explicativas adecuadas antes de empezar a cobrar por el agua a todos
Se cae en octubre la bonanza inmobiliaria de septiembre en la compra-venta de vivienda en Ourense
El recorte presupuestario de 2011 deja al Padroado de Turismo de Ourense sin buena parte de su esencia
Firmado en Madrid el Plan “Portas de Galicia” para 12 concellos de la provincia de Ourense