Máis de 30 "tesouros bibliográficos" de Manuel Moleiro atópanse no Cultural de Ourense
 
O Cultural da Deputación de Ourense acolle até o vindeiro 8 de xaneiro os "tesouros bibliográficos" de Manuel Moleiro. Máis de 30 obras compoñen a mostra “20 anos de mecenado, conservación e difusión da arte en miniatura” que este 2 de decembro foi presentada polo propio Manuel Moleiro. Dependendo do libro e da temática, cada un ten un custe que vai desde os 500 euros até os 20.000
 
 
 
 
3 de DECEMBRO de 2011: OURENSE DIXITAL

Códices, incunables, mapas e mesmo os segredos da alquimia e da medicina antiga reúnense nunha exposición que este 2 de decembro abriu as súas portas no Centro Cultural da Deputación de Ourense, e que permitirá ata o vindeiro 8 de xaneiro poder admirar as mellores reproducións dos libros máis importantes da historia da Humanidade, da man do editor ourensán Manuel Moleiro.

A mostra “20 anos de mecenado, conservación e difusión da arte en miniatura” consta de máis de 30 obras entre as que se atopan: o “Breviario de Isabel La Católica”, o “Beato de Liébana”, o “Libro dos Medicamentos Simples” e o “Tratado de Alquimia”, que analizaba os estudos para conseguir a Pedra Filosofal e o Elixir da Vida Eterna.
Estas obras, xunto a xoias bibliográficas que van desde o século III antes de Cristo ata a século XIX, permiten facer un percorrido pola historia e pola arte, ofrecéndolle ao visitante a posibilidade de contemplar uns libros cuxos orixinais son de imposible acceso para o gran público.

Manuel Moleiro reúne nesta colección obras custodiadas nas máis célebres institucións bibliográficas do mundo, como son a British Library,  a Biblioteca Nacional de Rusia, o Morgan Library & Museum, o Metropolitan Museum of Art, a Bibliothèque Nationale de France, e o Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, entre outras.
No acto de presentación da exposición participaron o propio editor, Manuel Moleiro, xunto co director do Centro Cultural, Francisco González, e co deputado de Cultura da institución provincial, Argimiro Marnotes.

Moleiro dixo que estes clons “pertencen posiblemente aos mellores libros editados ao longo da historia, dos cales nós facemos unha edición de 987 exemplares numerados e con certificado notarial. Son libros exactamente iguais aos orixinais: ulen igual, teñen a mesma densidade e encadernación e o ouro está aplicado igualmente por estampación”.
Cada libro ten un custe que vai desde os 500 € aos 20.000 €, dependendo do tipo de libro e da súa temática, e, en opinión de Moleiro “foi posible facer as reproducións porque os orixinais son os mellores libros do mundo; conserváronse e sobreviviron a roubos e saqueos ao longo dos séculos única e exclusivamente porque son obras de arte inigualables”, afirma o editor.

Manuel Moleiro, no seu afán por difundir o mellor e o máis sobresaínte da arte da miniatura, por protexer manuscritos únicos de gran valor histórico e como mecenas do século XXI que é, reproduce estes tesouros literarios para ofrecelos a todos aqueles cun entusiasmo común: a paixón polos libros.
A exposición complétase cunha conferencia sobre “Códices roubados: historia de onte e de hoxe”, a cargo de Miguel Vivancos, que terá lugar o 14 de decembro, ás 20.15 horas, no salón de actos do Centro Cultural da Deputación de Ourense.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA