Uns 38.000 emigrantes galegos no Brasil disporán en breve da tarxeta sanitaria "Galicia Exterior"
 
Uns 38.000 emigrantes galegos no Brasil vanse beneficiar en breve do acceso a tarxeta sanitaria "Galicia Exterior". Así o anuncia a Secretaria Xeral de Emigración. A Xunta amplía así a atención que xa ofrece á diáspora en México, Arxentina, Venezuela e Uruguai, e cubre con esta iniciativa o oco creado pola suspensión parcial do convenio bilateral entre España e Brasil
 
 
 
 
10 de NOVEMBRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, en representación da Xunta de Galicia, asinará en breve un convenio con tres entidades das cidades brasileiras de Salvador de Baía, Río de Xaneiro, e Santos, para colaboraren na tramitación previa para a obtención da tarxeta sanitaria “Galicia Exterior”. Esta tarxeta, emitida polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), garante dereitos e prestacións idénticos aos que calquera cidadán da Galicia territorial posúe, durante a estadía do galego na súa terra natal.

A medida podería beneficiar potencialmente a máis de 38.000 galegos da diáspora, segundo os datos do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2011. Concretamente, en consonancia con  estes datos, habería no Brasil 8.766 emigrantes da provincia da Coruña, 1.715 de Lugo, 8.859 de Ourense, e 18.804 de Pontevedra.
O convenio estipula as condicións da colaboración entre a Xunta de Galicia e estas entidades para facilitar a obtención da tarxeta aos beneficiarios, o cal non significa que os emigrantes galegos non tivesen ata agora dereito á mesma. Iso si, facilita a súa tramitación e achega a Administración galega aos seus administrados, incluídos os galegos da diáspora.

A tarxeta sanitaria “Galicia Exterior” só se distingue da tarxeta "normal" do SERGAS na súa validez, por canto se supón que se vai usar unicamente para as estadías temporais que realizan os emigrantes galegos na súa terra natal. Limitada inicialmente a tres meses, pode reactivarse superado ese prazo en casos excepcionais.
Arestora, mediante os convenios activados por Emigración no exterior, os cidadáns galegos da diáspora mesmo poden contar coa tarxeta sanitaria antes de saíren do seu país de acollida. Desta maneira non só se evitan custosos trámites burocráticos para os beneficiarios, senón que a Administración preocúpase de facerlles efectivos os seus dereitos en circunstancias adversas: é obvio que se o emigrante solicita unha tarxeta sanitaria é porque precisa asistencia médica, e polo tanto non atravesa precisamente un bo momento.

Emigración sinala que se trata dunha iniciativa que persegue cubrir o oco asistencial recente creado pola ineficacia dos convenios bilaterais asinados por España e os distintos países receptores da diáspora. No caso concreto do Brasil, o vixente convenio de reciprocidade na atención aos nacionais do outro país ten suspendida a cláusula de asistencia sanitaria debido á importante débeda acumulada polo país americano contra as arcas do Estado español. Esta débeda veuse incrementada de maneira exponencial nos dous últimos anos, en boa parte debido ao fenómeno do denominado “turismo sanitario”.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA