A Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas reunirase en Ourense o 15 de decembro
 
Ourense acollerá o vindeiro 15 de decembro a xuntanza da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas. Así ven de anuncialo o secretario de Emigración, Santiago Camba. A reforma da Lei de Galeguidade será un dos eixos desta xuntanza, que é o máximo órgano permanente de representación da diáspora. A convocatoria retrasouse para evitar interferencias derivadas das Xerais do 20 de novembro
 
 
 
 
20 de OUTUBRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, ven de convocar oficialmente a xuntanza da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas para o vindeiro 15 de decembro en Ourense, segundo resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.
Nesta xuntanza verase o informe xeral de actividades presentado polo propio secretario xeral, e tamén un informe específico sobre a a reforma da Lei da Galeguidade, proxecto que se pretende debata o Parlamento de Galicia no máis breve prazo posible de tempo. Tamén se verán os asuntos que se deben tratar no plenario do Consello das Comunidades Galegas o vindeiro ano 2012, e finalmente haberá unha rolda de intervencións libres, onde os membros da Comisión poderán reflectir as súas achegas e opinións sobre os temas de actualidade da diáspora.

A Comisión está composta por 16 membros. Dous sono por razón do seu cargo: presidente da Xunta e secretario xeral da Emigración. Outros dous son membros permanentes: un do Centro Galego de Bos Aires, e outro da Casa de Galicia de Montevideo, polas respectivas importancias histórica e numérica na diáspora destes dous centros senlleiros. E os outros doce membros son electos: catro representantes dos centros do resto de España, catro dos do resto de Europa, e os outros catro dos centros de América. En tódolos casos, e como marca a normativa, os centros han estar inscritos no Rexistro de Comunidades Galegas.

A Comisión Delegada funciona como órgano permanente entre plenarios do Consello das Comunidades Galegas, e reúnese anualmente. A última xuntanza tivo lugar o pasado 12 de agosto de 2010. Neste 2011, foi vontade da Secretaría Xeral da Emigración evitar que a súa xuntanza puidese ter interferencias de carácter electoral, polo que a data de celebración foi fixada para cando se coñeza con seguridade a natureza do futuro Goberno español.
Emigración lembra que o Consello das Comunidades é o órgano representativo dos emigrantes galegos, da Galicia do exterior. Con carácter deliberante e funcións consultivas, a última reunións do seu plenario –que, por norma debe celebrarse cada tres anos- tivo lugar en Montevideo en decembro de 2009, polo que ao longo do 2012 deberá levarse a cabo a seguinte reunión plenaria.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Santiago Camba, secretario xeral de Emigración  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA