Presentado un adianto das conclusións do Encontro Intercontinental "Opción+Futuro"
 
Á espera da clausura final do programa, xa hai un adianto do Encontro Intercontinental ‘Opción+Futuro: sensibilizar para a migración positiva’. Van na liña da necesidade de fomentar unha información suficiente entre a poboación moza dos países emisores, de maneira que estes mozos e mozas sexan quen de escoller acertadamente entre a emigración ou o desenvolvemento de iniciativas e negocios no seu mercado local.
 
 
 
 
 
11 de OUTUBRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba; o subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, Antonio Aguarón; o director da ONGD Ecos do Sur, Francisco Hurtado; e maila gañadora do concurso de artes Opción+Futuro, Olalla Crespo, adiantaron este luns algunhas das conclusións do programa internacional ‘Opción+Futuro: sensibilizar para a migración positiva’. Trátase dunha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea na que participan asociacións de cinco países de fala galaico portuguesa, entre elas a galega Ecos do Sur.

O proxecto foi escollido en primeira escolma pola Unión Europea, canda outros trinta, entre máis de 2.500 presentados para cofinanciamento dentro da liña estratéxica “Xuventude en Acción”. Opçao + Futuro ten por obxecto reducir os impactos negativos das migracións na poboación máis nova, tanto no territorio de orixe coma no de destino. Nos primeiros meses desta iniciativa, tense involucrado a case 200 participantes activos, con 2.700 beneficiarios directos das accións do programa.

Galicia é a única comunidade autónoma española seleccionada para participar neste innovador programa transcontinental que ao longo do presente ano se desenvolveu de xeito itinerante en cinco países europeos e africanos. Esta iniciativa, apoiada pola Unión Europea e a Secretaría Xeral de Emigración, reuniu a mozas e mozos voluntarios e técnicos de diversas ONGD en torno ao debate sobre os aspectos máis senlleiros da migración, desde unha perspectiva aberta e orientada ao intercambio de experiencias entre os países emisores de emigrantes e os países receptores.
Os encontros celebráronse ao longo do presente ano consecutivamente en España, Portugal, Mozambique, e, no pasado mes de setembro, en San Tomé e Príncipe, quedando unicamente pendente a cita en Cabo Verde. Ademais de constituír un foro de intercambio de coñecementos, teñen fornecido as ligazóns entre Galicia, Portugal e o oeste de África.

Á espera da clausura final do programa, que terá lugar en breve en Cabo Verde, algunhas das conclusións presentadas esta mañá en Compostela, froito dos encontros entre os representantes das mencionadas asociacións, van na liña da necesidade de fomentar unha información suficiente entre a poboación moza dos países emisores, de maneira que estes mozos e mozas sexan quen de escoller acertadamente entre a emigración ou o desenvolvemento de iniciativas e negocios no seu mercado local.

Igualmente, a identificación de boas prácticas (económicas, sociais, produtivas, etc) semella unha vía de desenvolvemento eficaz e sostible para os emprendedores nos países que arestora se atopan en vías de desenvolvemento, tanto para fornecer o mercado local como á hora de planificar a exportación de bens ou servizos.

Finalmente, e o fomento da xestión responsable dos procesos migratorios, tanto por parte das autoridades dos países de acollida como os de partida, revélase coma un aspecto de suma importancia para o futuro dos fluxos de persoas entre países e continentes. Estas conclusións, canda outras que se darán a coñecer en Cabo Verde, serán feitas públicas nun documento final resumo desta experiencia pioneira.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA