En marcha unha campaña pioneira de reforzo da integración en Galicia dos inmigrantes e retornados
 
Emigración da Xunta de Galicia ten en marcha unha campaña de sensibilización entre a cidadanía para potenciar a integración dos inmigrantes e retornados en Galicia. Prolongaras ata o mes de setembro. Trátase dunha iniciativa que plasma en produtos de merchandising a imaxe gañadora do concurso escolar Un mundo de cor
 
 
 
 
 
22 de AGOSTO de 2011: OURENSE DIXITAL

A Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia comezou unha campaña pioneira de sensibilización entre a cidadanía para promover unha meirande integración do colectivo de inmigrantes e retornados na Comunidade Autónoma, a través de diversos produtos de merchandising que invitan e axudan á reflexión.
"Aínda que os datos reflectidos no Barómetro da Inmigración en Galicia son moi positivos respecto da integración de nados no estranxeiro, o Goberno galego quere facer fincapé en certos valores para previr posibles condutas xenófobas no futuro", sinala o departamento de Santiago Camba.
Así, a campaña incide nunha imaxe positiva do feito migratorio, poñendo de manifesto a contribución das persoas inmigrantes no desenvolvemento de Galicia e promovendo os valores de igualdade, solidariedade e non discriminación.

A iniciativa forma parte da nova estratexia anual desenvolvida pola subdirección xeral da Inmigración e do Retorno, pois constitúe en realidade unha segunda etapa do concurso escolar Un mundo de cor, que se desenvolveu este pasado curso 2010/11. Neste concurso, invitouse aos centros educativos infantís de primaria e secundaria de Galicia a que os seus escolares participasen na creación dunha imaxe que representase a pluralidade de razas, crenzas e procedencias presentes na sociedade galega. Precisamente, un restyling dalgunhas das imaxes gañadoras do concurso foi a base da campaña que se está a desenvolver.

A campaña prolongarase durante todo este mes de agosto e parte de setembro. Desenvólvese cada día da semana nunha ou varias zonas de costa –onde se concentra boa parte da poboación nesta época estival-, e tamén nas capitais das provincias de Lugo e Ourense.
En cada localidade, unha azafata e unha persoa inmigrante en representación do seu colectivo, reparten conxuntamente entre os viandantes -nas rúas céntricas, parques e praias- produtos elaborados como froito dunha campaña de imaxe baseada na enerxía que transmitiron os debuxos dos máis pequenos.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google