Chegan a Galicia os rapaces da diáspora dos Campamentos de Verán e de Traballo da Xunta
 
Máis de 300 fillos e netos de emigrantes galegos residentes no exterior benefícianse dos Campamentos de Verán da Xunta de Galicia outro ano, este 2011. Estarán 12 días nas instalacións oficiais, e despois poden quedar en Galicia ata un mes máis a cargo dos seus familiares. Están chegando este días a Santiago
 
 
 
 
 
4 de XULLO de 2011: OURENSE DIXITAL

Os primeiros participantes nos “Campamentos de Verán 2011” da Xunta de Galicia procedentes da diáspora, beneficiarios da quenda correspondente á primeira quincena de xullo, xa se atopan en Galicia. Estas primeiras 83 prazas xa aterraron no aeroporto de Lavacolla, a as restantes ata un número superior ás 300 neste verán, corresponden ás reservadas a fillos e netos de emigrantes galegos no exterior nos Campamentos de Verán que organiza a Dirección Xeral da Xuventude, sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Foron, nesta convocatoria de 2011, máis de 700 as solicitudes recibidas para un total de 336 prazas. Un ano máis, o país do que proceden a maioría dos mozos é a República Arxentina, con 148, case a metade do total. Seguen despois Uruguai con 76, Venezuela con 52, Brasil con 20, e o resto dos beneficiarios proceden de Perú, México, Cuba, Chile, e Costa Rica. Hai tamén tres prazas que se reservaron para residentes noutras Comunidades Autónomas españolas, e finalmente unha delas recaeu nun solicitante residente habitual en Francia.

Trátase dun número de prazas reservado ao colectivo da diáspora, co obxectivo de fornecer as ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia por riba dos países onde teñan nacido. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da súa familia que quedaron na Galicia territorial.

Segundo atesoura a experiencia, nestes Campamentos de Verán, os fillos e netos na diáspora comparten cos outros mozos galegos uns días de experiencias e intercambio que supoñen un importante enriquecemento mutuo, especialmente no caso dos residentes habituais en países de América Latina, que son o 99 por cento dos beneficiarios.
Os rapaces teñen entre 14 e 17 anos, e estarán un total de 12 días en dúas instalacións dependentes da Xunta, a de “Os Chacotes” de Palas de Rei e o albergue de Gandarío, en Bergondo. Despois da súa estadía nestas institucións, e sempre que os seus familiares se fagan cargo deles, poden ficar aínda en Galicia por período máximo de 30 días.

Campos de traballo

Asemade, tamén arribaron ao aeródromo compostelán os primeiros 4 mozos que participan en campos de traballo, iniciativa que combina a parte lúdica dos campamentos de verán coa formativa. Neste caso, estes catro rapaces proceden de México e beneficiaranse da modalidade medioambiental do programa nas instalacións autonómicas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, concretamente en Cíes.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
  Noticias Relacionadas  
  Noticia 1  
  Noticia 2  
  Noticia 3  
  Noticia 4  
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google