A Casa de Ourense de Bos Aires recibida en Santiago polo secretario xeral da Emigración
 
Unha delegación da Casa de Ourense de Bos Aires foi recibida este martes en Santiago polo secretario xeral da Emigración da Xunta, Santigo Camba. Quen lles adiantou que a vindeira semana presentará o Plan Intergral 2011-2013 en Galicia, o que tamén fará antes de xullo na Arxentina
 
 
 
 
15 de XUÑO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, recibiu este martes en San Caetano a unha delegación da Casa de Ourense de Bos Aires, formada por unha trintena de integrantes desta entidade.
Camba salientou na súa alocución aos presentes que a entidade ourensá supón “todo un exemplo de galeguidade dinámica e innovadora, e con vocación social”, en referencia á multitude de accións e programas que desenvolve a Casa de Ourense para paliar a situación de escaseza ou vulnerabilidade social de moitos dos seus socios e socias. Camba destacou tamén que a entidade segue a ser un referente na diáspora canto á ligazón entre a Galicia territorial e a do exterior.

Asemade, o secretario xeral da Emigración indicou a relevancia non só estatística, senón tamén social, do colectivo ourensán no eido da Emigración española no país austral, e adiantou que en breve presentará na capital arxentina o ‘Plan Integral da Emigración 2011-2013’, no que se reflicten as liñas prioritarias de actuación neste eido para o trienio. Antes, xa a semana que ven, o Plan será presentado en Compostela.

Con case 4.000 socios na actualidade, segundo datos da propia entidade, a Casa de Ourense foi creada a finais do pasado século por iniciativa de Fillos e Netos de Bande, sobre todo debido ao éxito da iniciativa das ‘xuntanzas de ourensáns’ nas instalacións do Centro Galicia en Bos Aires, ás que acudiron nalgunha ocasión máis de dez mil emigrados desta provincia na capital arxentina.
Casa de Ourense creou tamén para desenvolver os seus proxectos e infraestruturas, a Fundación San Roque para a axuda de tódolos galegos e españois no país austral. Pouco despois da súa creación, recibíu a doazón de 10.000 metros cadrados a tan só 20 minutos do centro da capital para a futura construción dun fogar para maiores, principal interese actual da entidade e no que espera poder albergar a medio cento de beneficiarios.
A súa última iniciativa no eido cultural foi a posta en marcha dunha escola de gaitas.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google