Remataron os 68 cursos da Universidade Popular deste ano para máis de 1.500 alumnos
 
Remate de cursos 2010/2011 da Universidade Popular do Concello de Ourense. Clausura e entrega de diplomas este mércores. Máis de 1.500 alumnos tomaron parte este ano nos 68 cursos organizados. O peche contabiliza ademáis o feito de que este ano a Universidade Popular de Ourense recibíu un premio “Miguel Hernández” que recoñece a súa traxectoria
 
 
 
 
9 de XUÑO de 2011: OURENSE DIXITAL

Un total de 1.546 alumnos participaron nos 68 cursos e obradoiros formativos para adultos impartidos pola Concellería de Educación do Concello de Ourense dentro do programa Universidade Popular 2010/2011.
O alcalde en funcións, Francisco Rodríguez, a concelleira de Educación en funcións, Ana Garrido e a coordinadora do programa, Sonia Canal, clausuraron este mércores e entregaron os diplomas a alumnos e monitores que participaron na 16ª edición deste programa municipal.

O programa “Universidade Popular” do Concello de Ourense, recibiu o día 27 de abril deste ano o recoñecemento do Ministerio de Educación, que concedeu ó proxecto ourensán a mención honorífica dos Premios Miguel Hernández, un certame ó que tódolos anos concurren iniciativas formativas desenvolvidas por institucións públicas ou entidades privadas en todo o territorio español. O premio foi concedido “en  recoñecemento da Concellería de Educación do Concello de Ourense ó labor realizado en favor da aprendizaxe ó longo da vida". O programa vén sendo reforzado ano tras ano polo Concello, o que permitiu multiplicar o número de participantes durante os últimos 4 anos.

Premios Miguel Hernández

Recorda o Concello de Ourense que os premios Miguel Hernández son unha iniciativa que desenvolve a Dirección Xeral de Formación profesional do Ministerio de Educación, que  ten como obxectivo “recoñecer a importancia que debe darse á eliminación das desigualdades ante a educación e á supresión das discriminacións dos grupos desfavorecidos ante a formación básica, así como o labor realizado por aquelas institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro que se distingan pola súa aportación eficaz á supresión do analfabetismo, tanto o tradicional como o que poda xerar o progreso científico e tecnolóxico”.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 

 

Añade OuD a tu Google