A Xunta recalca en México que insistirá en solucionar os problemas para obter a tarxeta do Sergas
 
Na celebración do Primeiro de Maio en México, o secretario xeral da Emigración sinalou que insistirá ante a diplomacia española para solucionar as trabas que atopan os emigrantes galegos no país azteca á hora de obter a documentación necesaria para a tarxeta sanitaria do Sergas
 
 
 
 
2 de MAIO de 2011: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, participou na Festa Campestre do Primeiro de Maio que organiza anualmente o Centro Galego de México, nas súas instalacións no distrito de Iztapalapa. No evento, un dos máis populares da diáspora galega, os organizadores contaban coa presenza de 4.000 persoas integrantes do colectivo de emigrantes galegos na capital dos Estados Unidos de México.
Ademais, este ano a celebración coincidía co ano do centenario da institución organizadora.

Antes de acudir ao evento, Camba cursou visita ás instalacións do Centro e tivo ocasión de departir co seu presidente, Luís Piñeiro, quen informou ao secretario xeral da Emigración de algúns dos asuntos que interesan e preocupan aos galegos en México. Entre estes asuntos, destaca que no consulado español no país azteca se están detectando dificultades para conseguir a documentación necesaria para que os emigrantes obteñan a tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Esta tarxeta permite aos emigrantes galegos en México, durante as súas estadías por vacacións ou por asuntos familiares, gozar das mesmas prestacións sanitarias ca os galegos residentes na Galicia territorial

A Secretaría Xeral da Emigración ten xa denunciado publicamente retrasos na obtención dos documentos necesarios para que o emigrante obteña esta tarxeta. Concretamente, é necesario que ao beneficiario lle expidan comprobacións e certificacións do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) e do CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes), que ultimamente se retrasan ou mesmo resultan imposibles, sen que medie por parte do Consulado explicación ningunha.
De feito, o día anterior á Festa Campestre, o propio Camba se entrevistou coa cónsul adxunta en México, María Palacios, para interesarse por este asunto, como xa fixera ante o subsecretario de Exteriores, Antonio López.

O Centro Galego de México nace en 1911 tras unha xuntanza para organizar o Orfeón Gallego de México, brote do que será a actual organización. A día de hoxe é un referente da diáspora galega neste país.
O Centro conta asemade cunha delegación no distrito de Iztapalapa, tamén na Cidade de México D.F., onde tivo lugar a celebración do Día Internacional do Traballo, primeiro de maio.
Esta delegación ten aproximadamente 100.000 metros cadrados, con estacionamento para 800 vehículos, oficinas administrativas, salón de eventos para 2.000 persoas, entre outros servizos.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google