Queremos Galego chama a reivindicar a lingua este 17 de maio por medio dunha “mobilización expansiva”
 
Convoca Queremos Galego, e nesta ocasión a Plataforma Cidadá non convoca unha manifestación de carácter nacional en Santiago de Compostela, senón unha “mobilización expansiva” consistente en concentracións simultáneas ás 12 da mañá no maior número de localidades posíbeis. En Ourense hai polo menos oito destas citas
 
 
 
 
17 de MAYO de 2011: OURENSE DIXITAL

Co lema común “Paremos os ataques contra o galego” e a lectura dun manifesto e textos de Castelao e Lois Pereiro, Queremos Galego chama a reivindicar a defensa da lingua este 17 de maio por medio dunha “mobilización expansiva” que chegará a medio cento de localidades. A maioría das concentracións celebraranse simultaneamente ás 12 da mañá.
Este 17 de maio tamén haberá concentracións en defensa do galego en Nova York, Madrid, Barcelona, Santa Cruz de Tenerife, Belfast ou Bos Aires


A Plataforma Cidadá Queremos Galego, que reúne máis de 700 entidades dos máis diversos ámbitos e conta con máis de 6.000 adhesións cidadás a título individual, chama a toda a sociedade a facer deste vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, “unha data para a reivindicación da nosa lingua propia” na que visualizar que o galego é “unha lingua viva e con futuro” e non simplemente “unha peza de museo” ou unha “cultura en lata” á que homenaxear “unha soa vez no ano”.

Nesta ocasión a plataforma cidadá non convoca unha manifestación de carácter nacional en Santiago de Compostela, senón unha “mobilización expansiva” consistente en concentracións simultáneas ás 12 da mañá no maior número de localidades posíbeis. Trátase, segundo explica a plataforma, de “facer chegar a maréa expansiva en defensa da lingua a todos os lugares do país” e, ao mesmo tempo, en plena campaña electoral dos comicios municipais, de reivindicar “os concellos como instrumentos esenciais no proceso de normalización da lingua” nas diferentes administracións.

Co lema xenérico “Paremos os ataques contra o galego”, na provincia de Ourense, haberá actos reivindicativos en Allariz (Pza. Maior, 12:00), O Barco de Valdeorras (Pasarela peonil do Salgueiral, 12:00), O Carballiño (Pza. Maior, 12:00), Ourense (Xardíns do Pai Feixóo, 12:00), Ribadavia (Pza. Maior, 12:00), Verín, Vilanova dos Infantes (12:00), Xinzo de Limia (Pza. Maior-S. Roque, 12:30).
En todos estes actos dos referidos puntos, se lerán textos de Daniel Castelao alusivos á reivindicación da lingua galega, textos e poemas de Lois Pereiro e un manifesto común no que se denuncian os “retrocesos” vividos na política lingüística en Galiza desde que Alberto Núñez Feijóo é presidente da Xunta e o “preocupante grao de desprotección” no que se encontran as diferentes expresións e iniciativas da cultura galega.

Catro horas de lectura continuada de textos de Lois Pereiro en Ribadavia

Entre as 10 da mañá e as dúas da tarde terá lugar en Ribadavia a lectura continuada de textos de Lois Pereiro, actividade que se enmarca nos actos cos que celebra este 17 de Maio a capital do Ribeiro.
A lectura terá lugar no Salón de Plenos do Concello, e actividade da Concellería de Cultura está organizada en colaboración co Centro de Estudos Medievais.
Tamén se agasallará aos participantes con un libro do homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Lois Pereiro.

Comezaron en Bande os Encontros de Teatro Escolar e Amateur

En Bande comezaron este luns os Encontros de Teatro Escolar e Amateur que acadan xa a súa XVI edición.
Os Encontros teñen por escenario o IES Aquis Querquernis e o CEIP Xoaquín Lourenzo, e están organizados polo Concello de Bande.
Máis de 25 obras está previsto que se representen por escolares de toda a provincia, así como rapaces de centros escolares de Chantada, na provincia de Lugo, e Lalín en Pontevedra.
O Concello de Bande rende tributo outro ano ás Letras Galegas con unha nova edición destes Encontros de Teatro Escolar e Amateur.

Vilanova dos Infantes retrocede no tempo para outra Romaría Etnográfica Raigame

A localidade de Vilanova dos Infantes, en Celanova, acolle este martes, 17 de Maio, unha nova edición da Romaría Etnográfica Raigame, que, como xa é tradicional, celébrase sempre aproveitando a festividade das Letras Galegas.
A celebración alcanza este año a súa X edición, polo que os organizadores quixeron recoñecer a axuda que as xentes de Vilanova dos Infantes lle teñen prestado a Romaría dende o seu nascemento. Deste xeito, o premio “Xan de Barros” concédeselle nesta edición aos veciños desta localidade.

Así mesmo, anúnciase para esta X edición da Romaría Raigame a apertura do Museo dos Zapateiros, así como a tramitación do expediente para solicitar a declaración de “Festa de Interese Turístico Galego”, e a impresión dun selo coa imaxe da Torre do Homenaxe por parte da Asociación Filatélica de Ourense.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Lois Pereiro  
     
  Noticias Relacionadas  
  MANIFESTO de QUEREMOS GALEGO  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google