Ourense celebrará o Día das Letras Galegas 2011 co Libro de Estilo do Concello que normaliza o uso do galego
 
A conmemoración deste Día das Letras Galegas de 2011 será único no Concello de Ourense, por canto supón a aparición do primeiro Libro de Estilo que “reivindica e normaliza” o uso do galego na admninistración. A concelleira de Normalización Lingúistica, Isabel Pérez, anunciou o fito este martes ao que tempo que presentou o resto da programación para este 17 de Maio
 
 
 
 
11 de MAYO de 2011: OURENSE DIXITAL

A Concellería de Cultura e Normalizalición Lingüística do Concello de Ourense vén de presentar o programa de actos culturais e festivos organizados para conmemorar a efémeride, este 17 de maio, das Letras Galegas. A celebración do Correlingua, coa participación de escolares de toda a cidade; a Festa Irmandiña de Seixalbo; un recital poético e máis un espectáculo audiovisual en torno ao homenaxeado desta edición, Lois Pereiro; e o  Roteiro Poético pola Cidade Vella integran o calendario para estes días, que se clausurará o propio 17 coa lectura do Manifesto Letras Galegas 2011 a cargo da Plataforma en defensa pola Lingua Queremos Galego.
Ademais, aproveitando a data, a Concellería de Normalización Lingüística que dirixe a concelleira do BNG, Isabel Pérez, vén de editar o seu Libro de Estilo, unha publicación que  “nace coa vontade de ser ferramenta de comunicación entre a Administración e a cidadanía desde o emprego do noso idioma, o galego”, sinalou Pérez.

O programa de acto foi dado a coñecer e nun encontro cos medios no que a Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística insistiu na importancia de celebrar esta data “dun xeito activo” e buscando a máxima implicación da cidadanía e axentes sociais. Así, Isabel Pérez compareceu acompañada de representantes dos Irmandiños de Seixalbo, a Asociación Cultural Auriense,  e a Plataforma Queremos Galego, encargados das distintas actividades programadas nestas datas e que cumplen a función, lembrou Isabel Pérez, de “pór en valor o onoso ben patrimonial máis importante, a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa identidade como galegos”, reinvindicando o uso do idioma “en todos os ámbitos sociais, os 365 días do ano, queremos, podemos e debemos vivir en galego sempre”.

Libro de Estilo do Concello de Ourense

A celebración das Letras Galega foi o momento escollido pola Concellería de Normalización Lingüística para presentar o Libro de Estilo para a administración local na que veñen traballando nos últimos meses.
Tal e como explicou Antón Lado, representante da Editorial Reverso Comunicacións encargada de desenvolver o proxecto, “foi concebido como ferramenta para a mellora da calidade lingüística da actividade administrativa, pero sobre todo para normalizar a comunicación en galego coa cidadanía”.
O manual terá a súa versión dixital dispoñible na web do Concello (www.ourense.es) e incorporará tamén unha ferramenta on line con modelos de escritos e demais materiais.

No tocante aos contidos, ademais das regras e consellos habituais neste tipo de documentos (sintaxe, puntuación, emprego de maiúsculas, siglas e abreviacións, etc) incorpóranse epígrafes como o uso da lingfuax enon sexista ou a redacción en internet.
A Concelleira de Cultura, Isabel Pérez, calificouno dun “recursos eminentemente práctico que sexa elemento de normalización transversal en toda a actividade municipal” e apuntou que pola súa natureza “tamén poderá ser aproveitado polos medios de comunicación e a propia cidadanía”.

Actividades en toda a cidade

A presentación deste Libro de Estilo inicia o calendario de actos que continuarán este xoves 12 de maio cunha serie de propostas culturais en torno a obra e vida do poeta monfortino Lois Pereiro (1958-1996), cuxa escasa pero intensa producción literaria supuxo unha ruptura na tradición literaria realista en Galicia na década dos 70.
Os seus textos e o seu espíritu serán evocados no espectáculo Mundo Lois, unha proposta escénica e audiovisual que está a percorrer toda a xeografía galega estes días (www.mundolois.gl). Cultura programará duas sesións deste espectáculo no Auditorio o día 12, unha ás 12.000 horas dirixida a escolares da ESO e Bacharelato, e outra aberta ao público ás 20.30 horas. Previamente, ás 20.00 hopas na Praza do Correxedor terá lugar tamén o recital Expansivo Vento Lois.

Dun matiz máis festivo será a axenda do sábado día 14, no que Seixalbo acollerá a súa Festa Irmandiña, “nunha reinvidicación deste barrio histórico”, como explicaba hoxe a representante dos Irmandiños de Seixalbo, Gloria Viana. Os actos arrancaran a partir das 16.00 horas cun mercadiño de segunda man  acompañado de animación de rúa da man dos Sircópatas.
Ás 18.30 horas o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística Carlos Callón estará presentado o seu libro “En castellano no hay problema”.
Ás 21.00 horas o dúo Espido ofrecerá un concerto na Praza do Cabildo e a partir das 23.30 a música trasládase ao Campo da Enfesta da man de Som do Galpón e Bongo Botrako, entre outros.

Así mesmo, o día 16, a Agrupación  Cultural Auriense desenvolverá o xa habitual Roteiro Poético polas rúas da Casco Histórico, que partirá as 19.00 horas da Praza do Ferro para rematar ás 21.45 no Café Cultural Auriense, amenizado pola música dos Percutores. Ás 00.00 a xornada remata co concerto de Ondas Martenot na praza do Correxidor.

Manifesto das Letras Galegas 2011

O propio día 17 Ourense súmase á celebración das Letras Galegas coa lectura do manifesto para este 2011 da Plataforma en Defensa pola Lingua: Queremos Galego, que correrá a cargo do seu voceiro Xose Lois González “O Carrabouxo” ás 12.00 nos Xardíns Pai Feixoo, amenizado pola actuación da Asociación de Música Tradicional Gomes Mouro.
O manifesto, que será lido de xeito simultáneo nas cidades e vilas de toda Galiza chega nun momento “no que faise urxente parar os ataques contra o galego que estamos recibindo desde moitos frontes”, explicaba esta mañá o representante da Plataforma, Manuel María Carnicero. O texto avoga pola normalización do emprego do idioma en todos os ámbitos,desde o ensino, a publicidade, a sanidade ate outros como a etiquetaxe ou os propios medios de comunicación.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Lois Pereiro  
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google