Presentada unha nova edición da Festa dos Maios que será o vindeiro primeiro de maio
 
Todo preparado para unha nova edición da Festa dos Maios da capital ourensá, que será o vindeiro primeiro de maio. Ocupará parte da rúa do Paseo até os Xardín de Pai Feixoó, rúa Lamas Carvajal e Praza de Santa Eufemia, e nesta edición auméntase o premio ao Maio Artístico que pasa a ser de 450 euros para o gañador
 
 
 
 
20 de ABRIL de 2011: OURENSE DIXITAL

A Concellería de Cultura está xa a traballar nunha nova edición da festa dos Maios da cidade, segundo a titular desta Concellería, Isabel Pérez, unha das celebracións de maior tradición en Ourense e “unha das citas clave do ciclo festivo anual que é preciso pór en valor”.
A festa celébrase nesta edición o vindeiro domingo 1 de maio, e ocupará parte da rúa do Paseo até os Xardín de Pai Feixoó, rúa Lamas Carvajal e Praza de Santa Eufemia.
Como en anos anteriores, a exposición das construcións participantes compleméntase cunha mostra de fotografías antigas da celebración ao longo da historia da cidade,” Maios na Memoria”, que se ubicará na Praza de San Martiño.

Este martes presentouse no Auditorio o programa de actividades para estas datas, acto no que Isabel Pérez convidou aos veciños e veciñas a participar cos seus maios e coplas lembrando que o prazo de inscricións aínda esta aberto.
Como vén sendo habitual a Concellería de Cultura convoca un concurso para premiar os mellores Maios e Coplas que deben presentarse conxuntamente. No categoría de Maios existen dúas modalides, o Maio Enxebre, cun premio dotado en 250 euros e o Maio Artístico, cuxo galardón aumentouse este ano aos 450 euros “en vista das observacións e suxerencias que nos veñen comunicando os participantes en edicións anteriores”, sinalou Pérez.
O premio das Coplas será de 150 euros, sendo condición indispensable remitir unha copia á organización coa que deixar constancia no Arquivo Municipal duns documentos “que son verdadeiras crónicas da actualidade da cidade ao longo do tempo”, apuntou Isabel Pérez.

Declarada no ano 2001 Festa de Interese Turístico da provincia os Maios son unha das festas de maior tradición na cidade, unha celebración da primavera que actúan tamén “como exercicio de memoria histórica que é preciso preservar”, indicou Isabel Pérez.
O programa dos Maios comeza o día 1 con animación de rúa da man de Os Carunchos e a partir das 11.00 horas xa se poderán ver expostos as primeiras construcións. Ás 12.00 será o momento de escoitar ás coplas, e contra as 12.30 está prevista unha actuación da Banda Municipal de Música.
As 18.00 horas a praza de Santa Eufemia acollerá a actuación das Cantareiras de Castro Floxo e a continuación faráse entrega dos premios aos Maios e Coplas gañadores.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google