Presentada unha nova ferramenta informática que alixeira a tramitación de axudas aos concellos
 
Aos encargados das áreas sociais dos concellos da provincia, a Xunta de Galicia deu conta este venres dunha nova ferramenta informática que permitirá axilizar a tramitación das axudas dos servizos socialistas comunitarios financiados pola Xunta. Rogelio Martínez subliñou que por primeira vez os concellos poderán cobrar o 100% do importe da subvención no primeiro semestre do ano
 
 
 
 
16 de ABRIL de 2011: OURENSE DIXITAL

Foi presentada este venres a nova ferramenta informática da que dispoñen xa os concellos para tramitar as axudas dos servizos sociais comunitarios financiados pola Xunta.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, explicou que por primeira vez desde o ano 1988, que se empezou a tramitar esta convocatoria anual de subvencións, os concellos dispoñen dunha aplicación informática para facilitarlles a elaboración dos formularios de solicitude. A ferramenta atópase no apartado de recursos do portal de Benestar da Xunta de Galicia.

O Delegado Territorial destacou a importancia deste novo instrumento, “xa que axiliza o pago das axudas”. En concreto, “permite acurtar prazos na tramitación das axudas, xa que, entre outras medidas, a través da web se poderá requirir aos concellos a documentación necesaria para que completen correctamente a solicitude das axudas”.
Sinalou Martínez, ademais, que a Xunta decidiu deseñar esta aplicación, na que se introducen os datos dunha única vez e na que os cálculos realízanse de xeito automatizado, “porque permitirá unha correcta elaboración das solicitudes e axilizará o procedemento, ao diminuír, previsiblemente, o número de requirimentos de emenda que habería que enviar ás corporacións locais”.
Posteriormente, técnicos de Benestar mantiveron tamén este venres unha xuntanza para informar aos técnicos dos servizos sociais dos concellos daesta nova aplicación, que xa está en marcha e están a probar as corporacións locais.

A delegación Territorial de Ourense da Xunta de Galicia lembra que o Plan Concertado é a principal fonte de financiamento dos servizos sociais no ámbito das administracións locais.
En concreto, o financiamento destínase a gastos correntes de retribución do persoal municipal que desenvolve os servizos sociais, gastos derivados da prestación do servizo municipal de axuda no fogar, e gastos derivados da xestión e execución doutros programas sociais, que teñen como finalidade a atención ós colectivos máis desfavorecidos.
Martínez aproveitou tamén para recordar o compromiso do Goberno galego coas axudas sociais, e destacou o anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de “blindar” o investimento de 47 millóns de euros en servizos sociais. Subliñou Martínez que “esta partida contribuirá a aliviar a presión financeira que sofren as administracións locais galegas, xa que, por primeira vez, poderán cobrar o 100% do importe da subvención no primeiro semestre do ano”.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google