O PSdeG leva ao xulgado de Ribadavia a Rogelio Martínez pola construción do tanatorio de Arnoia
 
Ao xulgado de Ribadavia veñen de trasladar este martes os socialistas ourensáns o caso da construción dunha obra en Arnoia cando o alcalde era Rogelio Martínez, o actual delegado da Xunta en Ourense. O PSdeG fala de “presunta prevaricación” do agora delegado que debería conducilo a inhabilitación para o desempeño de cargo público. Ademais pídese o cese inmediato do director Xeral de Patrimonio, Rey Pichel, “por mentir en sede parlamentaria”
 
 
 
 
2 de MARZO de 2011: OURENSE DIXITAL

O PSdeG denunciou ante o Xulgado de Instrucción número 1 de Ribadavia as irregularidades do Delegado da Xunta Rogelio Martínez, por presunta prevaricación na construción dunha obra no Concello de Arnoia cando era alcalde desta localidade.
En rolda de prensa este martes, a secretaria de Organización provincial, María Quintas, afirmou que “o incumprimento da legalidade a sabiendas debería conducir, como noutros casos,  á inhabilitación política”.
Ademais, pediu o cese inmediato do Director Xeral de Patrimonio, José Manuel Rey Pichel, por mentir en sede parlamentaria na comisión do pasado 16 de decembro. “Non só ocultou información, senón que tamén mentiu en sede parlamentaria”, dixo Quintas.

“A austeridade e a ética do presidente da Xunta mídese nesta provincia polas irregularidades na política de persoal do Sr. Baltar e polos encausamentos xudiciais do delegado da Xunta”, sinalou  a secretaria de Organización do PSdeG-PSOE de Ourense.
O secretario de Política Municipal e avogado José Arcos explicou que o Delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, autorizou, sendo alcalde de Arnoia, unha construción en terreo catalogado por Patrimonio. Tal se produciu “a pesar de que foi cominado pola Xunta a paralizar a obra, executouna”, sinalou o letrado dos socialistas ourensans en concelleiro do PSdeG de Maceda.

A edificación incrústase entre os panteóns ao carón da igrexa de San Salvador, que figura como arquitectura relixiosa inventariada por Patrimonio, e xunto a un cruceiro que goza de protección especial como Ben de Interese Cultural (BIC).
Ademais, explicaron os socialisas, a edificación incumpre a normativa sanitaria sobre cemiterios que obriga a que estes manteñan unha distancia de polo menos 50 metros respecto das tumbas.
Arcos lembrou que o proxecto de construción foi rexistrado na Xunta en agosto de 2004, e informado negativamente un mes despois pola Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Ourense. A Xunta decidiu, en novembro dese mesmo ano, incoarlle un expediente sancionador.

O proxecto foi rexeitado porque se incluía en zona catalogada patrimonialmente. Tras as alegacións presentadas por Martínez, Patrimonio impúxolle, en novembro de 2005, unha multa de 5.000 euros que saldou recorrendo ás arcas municipais do Concello de Arnoia. José Camilo Fariñas, actual alcalde de Arnoia, tentou legalizalo mediante a súa inclusión no novo plan xeral de ordenación municipal.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou o plan, o pasado outubro pero “non se pode dar cobertura legal a algo declarado xa previamente ilegal", insistiu Quintas.
Deste xeito, os socialistas denunciaron que a  Xunta "está a dar cobertura" ao seu representante en Ourense, Rogelio Martínez,  "o protexido de Feijóo, imputado por fraude e malversación na xestión de fondos comunitarios”.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
  Rogelio Martínez  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
publicidad
   

 

Añade OuD a tu Google