Chega a Ourense a mostra “Educación, Deporte e Valores” que percorrerá 32 centros da provincia
 
17 paneis instalados na Universidad Laboral expoñen aos escolares deste centro os valores esenciais do deporte, “potenciar o papel do deporte como vía educativa e formativa de valores sociais a nivel grupal e individual”, por exemplo, sinalou o delegado da Xunta en Ourense. A mostra percorrerá 32 centros educativos da provincia, dos 90 de toda Galicia que ten previsto visitar
 
 
 
 
 
24 de FEBREIRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O delegado Territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo Xefe do servizo de deportes de Ourense, Mario Guede realizou este mércores un percorrido pola mostra Educación, deporte e valores, ubicada na Universidade Laboral. A mostra estará presente en 32 centros educativos da provincia.

A mostra Educación, deporte e valores, que forma parte do programa Xogade de práctica da actividade deportiva nos colexios galegos, “non é unha exposición estática senón que está deseñada como unha ferramenta de traballo coa que a totalidade da comunidade educativa coñecerá os valores do deporte aplicables ao resto dos ámbitos da vida persoal e profesional”, sinalan os seus promotores.
Entre eles a Secretaría Xeral para o Deporte, que pretende con este proxecto que o programa Xogade “non sexa só un espazo para a práctica da actividade física, senón tamén unha plataforma de educación a través do deporte e unha oportunidade para promover condutas e valores”.

A mostra ten como obxectivos específicos “ofrecer recursos metodolóxicos para o ensino de valores inherentes ao deporte, lograr que nenos e nenas practiquen os valores en distintas actividades escolares, propiciar unha reflexión do alumnado sobre a importancia dos valores no deporte e na vida diaria e potenciar o papel do deporte como vía educativa e formativa de valores sociais a nivel grupal e individual”, destacou o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.
Deste xeito, os alumnos dos centros polos que pase a mostra Educación, deporte e valores, poderán identificar e debater acerca de valores como o traballo en equipo, a deportividade, o esforzo, o xogo limpo, a tolerancia ou a superación persoal a través dos 17 paneis que conforman a actividade, asegurou Rogelio Martínez.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
publicidad
   

 

Añade OuD a tu Google