Aprobado o proxecto da primeira Ordenanza para a promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense
 
O Concello de Ourense deu o primeiro paso este xoves, 13 de xaneiro, para a que será a primeira Ordenanza municipal para a promoción da Equidade de Xénero en Galicia. A Xunta de Goberno ven de aprobar o proxecto de dita Ordenanza, que agora terá que ser levado á Comisión de Pleno, previa a súa aprobación en sesión plenaria, posiblemente na do mes de febreiro
14 de XANEIRO de 2011: OURENSE DIXITAL

A Xunta de Goberno do Concello de Ourense deste xoves aprobou a proposta de proxecto da que será a primeira Ordenanza municipal para a promoción da Equidade de Xénero na xeografía galega, segundo informa o departamento de Igualdade da nacionalista Marta Arribas.
A nova lexislación “xurde no contexto do recentemente aprobado II Plan de Igualdade, actuando como instrumento e ferramenta legal para cumplir os compromisos adoptados desde o Concello en materia de xénero”, sinálase dende este departamento.
Agora, unha vez aprobado o trámite en Xunta de Goberno, a Concellería de Igualdade levará ao texto á Comisión de Pleno para a súa posterior aprobación. 

O texto obedece ao obxectivo xeral estipulado no Plan: “Promover e fornecer a inclusión e transversalización da perspectiva de xénero, de obxectivos, criterios e actuacións en materia de equidade, pondo en valor a igualdade na organización e funcionamento do Concello”, sendo, a  grandes rasgos, unha vía para dotar de contido legal este compromiso explícito do Concello. 
Así mesmo, a Concellería de Igualdade destaca que o texto xurde en coherencia coa lexislación vixente na materia a nivel autonómico e estatal e eríxese, en definitiva, como o documento normativo básico para a intervención do goberno local nesta materia. Un documento que, tal e como establece a súa declaración de principios, “proba a importancia que se lle outorga ao tema da igualdade ao atribuírlle vocación de permanencia na axenda municipal”, sinala Arribas.
Implica, así mesmo, unha visión do local como un espazo clave para o desenvolvemento da igualdade entendida como paridade, inclusividade e habitabilidade.

Igualdade do Concello de Ourense entende que, “a eliminación desta discriminación é o motivo de que o principio normativo de igualdade de mulleres e homes, que resulta simétrico na formulación xurídica, deba ser desenvolvido a través de medidas acordes coa asimetría necesaria para eliminar estereotipos e patróns socioculturais de conduta que se desprenden do diagnóstico inicial”.

A ordenanza está estruturada en 15 capítulos, 41 artigos e 1 disposición final, a través dos cales se regula unha política municipal activa sobre a igualdade de mulleres e homes, que afecta tanto á estrutura e funcionamento do ente municipal como a súa proxección social e cidadá.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
  Fotografía : JOSÉ CERDEIRA   
   
  Marta Arribas  
     
     
 
 
     
 
 
 
   
 
publicidad
   

 

Añade OuD a tu Google