O Auditorio inaugura o calendario de exposicións cunha homenaxe aos oficios e tradicións galegas
 
38 esculturas de Aldofo Fernández Dafonte abren o calendario de exposicións de este 2011 do Auditorio Municipal de Ourense. Son traballos de pequeno formato que homenaxean aos homes e mulleres do rural tradicional galego e o seu traballo, oficios e escenas practicamente desaparecidos ou esquecidos que Dafonte recolle no seu traballo. Un traballo que inspira algo que ao lle dixo a súa aboa e que Fernández Dafonte ten sempre moi presente: “O que se esquece de onde vén non sabe a onde vai”
 
13 de XANEIRO de 2011: OURENSE DIXITAL

O Auditorio Municipal de Ourense inaugurou este mércores, 12 de xaneiro, o calendario de exposicións para este 2011 acollendo ata o vindeiro 13 de febreiro a mostra “Oficios e Tradicións Populares de Galiza”, do escultor Adolfo Fernández Dafonte. Trátase dunha colección de 38 esculturas de pequeno formato realizadas en arxila seguindo técnicas tradicionais milenarias que retratan e homenaxean aos homes e mulleres do rural tradicional galego e o seu traballo, oficios e escenas practicamente desaparecidos ou esquecidos que Dafonte recolle no seu traballo.
Durante a presentación da exposición, a Tenente Alcalde e Concelleira de Cultura, Isabel Pérez, non dubidou en calificala como “un exercicio de fixación da memoria, algo fundamental para a identidade do pobo galego”.

Isabel Pérez quixo agradecer a Dafonte “o inmenso agasallo que nos fai con estes retazos, resumos, da nosa historia pasada”. Pérez insistiu na singularidade desta exposición que inaugura o ano cultural ourensán, xa non só pola idiosincracia de cada unha das pezas expostas, senón polo tema que retratan, algo “tan querido e apreciado” como o mundo tradicional rural galego. Expresou que “exposicións coma esta, que conxungan arte e memoria, contribúen a coñecermos mellor a nosa historia e sobre todo, a transmitila aos cativos en herdanza”  e apuntou que “non se trata de folclore, senón dunha realidade diferente, que fai que hoxe sexamos quen somos, cultural e historicamente”.

Pola súa banda, o propio artista, Adolfo Fernández Dafonte, definiu a súa obra en torno a tres eixos: a homenaxe a ese mundo rural galego, “os homes e mulleres que sosteron este país durante séculos”; as técnicas tradicionais empregadas e, por último, a importancia de facer un arte “que entenda todo o mundo”.
Dafonte explicou que perante un arte “para entendidos” o seu obxectivo é  crear pezas que poidan desfrutar “un neno de 4 anos e un ancián de 90”. Lembrou, así mesmo, as verbas da súa aboa, inspiradoras desta mostra: “O que se esquece de onde vén non sabe a onde vai”.

O músico e etnógrafo Pablo Carpintero, novo avaliador da UNESCO

Respecto destas reflexións en torno á importancia e posta en valor do patrimonio material e inmaterial galego, Isabel Pérez aproveitou a presentación desta exposición para anunciar o recente nomeamento do músico e gaiteiro Pablo Carpintero como novo avaliador da UNESCO nas  propostas e declaracións de elementos como Patrimonio da Humanidade.
Pérez destacou a relevancia da noticia declarando que “hoxe   estamos todos de noraboa” polo recoñecemento feito a traxectoria de Carpintero, inevitablemente ligada á musica e os instrumentos tradicionais galegos e, por extensión, ao patrimonio cultural e inmaterial do país.

Pablo Carpintero, presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, foi un dos asesores do comité científico do proxecto de intercambio europeo Oralities, no que Ourense foi a única cidade española participante.
Así mesmo, é membro activo do Proxecto Ronsel para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galiza.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
   
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google