“Non se pode facer máis con menos”, sinalou Isabel Pérez ao facer balance do Auditorio en 2010
 
Ao presentar as actividades do primeiro semestre de 2011 do Auditorio de Ourense, a concelleira de Cultura e Tenente de Alcalde, Isabel Pérez, volveu a reclamar a Xunta a consideración que Ourense ten que ter como terceira cidade de Galicia que é. “Non se pode facer máis con menos” no Auditorio Municipal, sinalou Isabel Pérez, que recordou que o principal espazo municipal da cidade ten 7 traballadores e os reforzos que chegan da propia Concelleria, e que fixeron posíbel pechar o 2010 con 74.000 espectadores e con 205 días de actividade
12 de XANEIRO de 2011: OURENSE DIXITAL

Durante o ano 2010 que ven de rematar, o Auditorio Municipal de Ourense rexistrou unha asistencia total de 74.009 espectadores, un aumento do 12,16% respecto ao 2009, no que a cifra ascendía a 65.980. A media mensual de asistencia é superior aos 6.000 espectadores, destacando os 11.421 espectadores que contabilizou o mes de maio e os 10.080 do mes de decembro.
No referente ao nivel de ocupación, 205 foron os días de actividade no Auditorio, tendo en conta que o mes de agosto este permanece pechado por labores de mantemento. Os meses de maior actividade foro os de maio e novembro, con 23, e os de abril e decembro con 22, mentras que agosto só contabilizou unha actividade.(Cómpre lembrar que estas cifras non contemplan as actividades da compañía residente, Sarabela Teatro, que rexistra polo menos 180 días de actividade anual segundo convenio).

Pérez lembrou que o Auditorio é a única infraestrutura cultural ourensá en contar cunha compañía residente, amosando o seu apoio e compromiso co ámbito teatral, que se reflicte na programación de Teatrauria (MOTI, MITEU, FITO), determinante na vida cultural da cidade das Burgas.
No tocante ao número de actividades, a programación deste espazo cultural por antonomasia na cidade contou con 272 espectáculos ou actividades, das cales 161, 0 59,1% corresponderon a artes escénicas.  A media mensual foi de 22,6 actividades, sendo os meses de maior concurrencia novamente outubro, maio e decembro con 36, 34 e 31, respectivamente. 

Sobre as cifras, a Concelleira de Cultura e Tenente Alcalde de Ourense declarou que o Auditorio de Ourense rexistra un “altísimo nivel de actividade, sobre todo tendo en conta o axustado plantel e orzamento co que traballamos”. Pérez invitou a comparar estas cifras coas de outras instalacións culturais galegas, lembrou que o Auditorio non conta cun orzamento municipal propio senón que dependente das partidas da Concellería de Cultura e tivo unha mención especial e de agradecemento aos traballadores e traballadoras desta instalación; “é imposible facer máis con menos”.
Isabel Pérez non dubidou en afirmar que o público das actividades culturais está  a aumentar na cidade, dato que avalan as cifras do propio Auditorio, e declarou que “a recepción do público infantil, permítenos ser optimistas, estánse a crear novos espectadores”.

O valor cultural de Ourense

A Tenente Alcalde aproveitou a súa intervención para reinvidicar a impronta cultural ourensá pois “non hai en todo o país unha cidade que teña a nómina de artistas e literatos que temos aquí, é iso é un valor que debe ser reinvindicado”.  Reclamou que Ourense, como terceira cidade galega que é, por volume de habitantes, debe contar co apoio cultural público que merece e así llo demandou á Xunta de Galiza “cuxa colaboración, por parte dos xestores do actual goberno, está a ser verdadeiramente deficiente”.
Non obstante, Pérez apuntou que “as cidades galegas, por proximidade, non poden nin deben competir, a estratexia é que consolidemos ofertas alternativas, programando actividades novas ou non atendidas”. É o caso do ciclo de música de cámara Sen Batuta, xa na súa terceira edición que, como lembrou Isabel Pérez “é referencia non só en Galiza, senón a nivel estatal e se me apurades, pola inmensa calidade dos seus intérpretes, referencia mundial”.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
  Fotografía : JOSÉ CERDEIRA   
   
  Isabel Pérez  
     
  Noticias Relacionadas  
  A programación de 2011 do Auditorio reserva espazo preferente para os cativos  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
 
publicidad
   

 

Añade OuD a tu Google