Santiago Camba pide aos presidentes dos centros galegos na Arxentina “unificar esforzos”
 
Nun encontro mantido na sede do Fogar de Ribadumia, o secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia pediu aos presidentes do centros galegos na Arxentina que unifiquen esforzos e acaden “actuacións conxuntas de maior peso e relevancia”. Santiago Camba interesouse polas necesidades e proxectos das entidades, ás que lle ratificou o compromiso da Xunta de manter as partidas orzamentarias para actividades sociosanitarias
 
11 de DICIEMBRE de 2010: OURENSE DIXITAL

O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, pediu aos presidentes dos centros galegos de Arxentina “unificar esforzos” entre as entidades e promover cada vez máis “actuacións conxuntas de maior peso e relevancia”.
Nun encontro celebrado na sede do Fogar de Ribadumia, Santiago Camba, acompañado polo Delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, trasladou a vontade de colaboración da Administración autonómica galega na “conservación” do “patrimonio galego no exterior” e instounos a implementar políticas que leven cara á “fusión de entidades no medio e longo prazo”.
Neste sentido, referiuse a experiencias exitosas como a que deu orixe ao Centro Galicia de Buenos Aires. Camba cualificou de “proceso inevitable” o que está levando ás institucións a reducir o número de socios e de maior idade cada vez e advertiu que hai que enfrontalo “con certa urxencia”. “Na medida que desde a Xunta podamos axudar nesta adaptación, o vamos facer”, comprometeuse.

O secretario xeral convocou aos máximos responsables dos centros galegos para manter con eles o diálogo aberto, “informar das medidas e actuacións que se están a poñer en marcha” no departamento de Emigración do Goberno galego e para “pulsar a súa opinión” respecto destas iniciativas. Neste sentido, expresou a súa intención de manter un “contacto permanente” cos centros da emigración e informoulles da aplicación das políticas de austeridade, aínda que ratificou o seu compromiso de manter as partidas orzamentarias dedicadas a actuacións sociosanitarias.

Camba interesouse polas necesidades e proxectos a futuro das máis de 30 entidades representadas no encontro. Así mesmo, expuxo a necesidade de reforma da Lei de Galeguidade para adecuala aos tempos vixentes e adiantou que o proxecto achegarase aos centros para consultas antes de remitilo ao Parlamento galego. Do mesmo xeito, o titular de Emigración instou aos asistentes ao encontro a incorporar nas entidades políticas de non discriminación, de igualdade entre o home e a muller e de políticas activas de incorporación da mocidade.
Previamente, Santiago Camba visitara o Centro Galego de La Plata e o Centro Betanzos, cos que mantivo cadanseu encontro coa comisión directiva e asociados.

 
Volver atras
Imprimir Página
 
 
 © Copyright OURENSE DIXITAL
 
 
     
  Noticias Relacionadas  
  El secretario Xeral de Emigración viajó de nuevo a Argentina, para reunise con colectivos galegos  
     
     
 
 
     
 
 
 
 
 
GALICIA, ÚLTIMA HORA
 
   

 

Añade OuD a tu Google