Unha partida orzamentaria de 700.000 euros adica a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia para programas municipais para a integración de inmigrantes e emigrantes retornados a Galicia. Ata o 23 de agosto está aberto o prazo de solicitude de estas axudas por parte de concellos, mancomunidades e, incluso, consorcios locais. Máis dunha terceira parte desta cantidade, 250.000 euros, adícanse a programas de acollida destinados a temas de aloxamento e manutención para aqueles emigrantes retornados ou inmigrantes que se atopen nunha situación de vulnerabilidade.
 
 
Emigración adica 700.000 € a programas de integración de inmigrantes e emigrantes retornados
26 de JULIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, vén de abrir o prazo de convocatoria para a solicitude de subvencións por parte de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais para a posta en marcha de programas destinados a favorecer os procesos de acollida, integración e reforzo educativo a favor tanto de emigrantes galegos retornados como da poboación inmigrante extracomunitaria residente en Galicia.
Con esta orde de axudas, dotada cunha contía de 700.000 €, a Xunta de Galicia financia o desenvolvemento, por parte das entidades locais, de proxectos relacionados con aspectos de acollida, educativos, da muller, de emprego, da vivenda ou da xuventude, segundo informa o deparamento de Santiago Camba.
O prazo de presentación das solicitudes rematará o vindeiro 23 de agosto.

Santiago Camba, director Xeral de Emigración

Dos eixos de acción nos que se divide a contía das subvencións, a Secretaría de Emigración destaca o de acollida, que conta cun presuposto de 250.000 euros destinados a temas de aloxamento e manutención para aqueles emigrantes retornados ou inmigrantes que se atopen nunha situación de vulnerabilidade.
Outro dos eixos máis destacados é o de educación. Neste apartado destínase un orzamento de 150.000 para accións de reforzo e compensación educativa e, ademais, o alumnado inmigrante poderá beneficiarse de bolsas de comedor, transporte e material escolar.
O apartado de muller, dotado 125.000 euros, propón axudas para aquelas mulleres que se atopen en situacións de vulnerabilidade tales como a violencia de xénero, prostitución ou explotación sexual.

No que atinxe ao emprego, que conta cun presuposto de 75.000 euros, inclúe accións que permitirán paliar as dificultades derivadas da incorporación ao mercado laboral da poboación inmigrante.
Os eixos de vivenda por un lado e infancia e xuventude polo outro están dotados con 50.000 euros respectivamente que se destinarán a facilitar tanto o acceso á vivenda e a inserción de familias inmigrantes extracomunitarias en contornos con escasa poboación como a fomentar a participación social a través de programas de voluntariado e proxectos que faciliten a convivencia intercultural entre os nenos e mozos.

 
Volver atras
Imprimir Página