A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, asinou este martes en Santiago un convenio de colaboración co presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto. Ten como obxectivo a xestión de actividades relacionadas coa promoción, a dinamización e o fomento da riqueza e do turismo cultural e patrimonial da Ribeira Sacra a través dunha serie de accións que contribuirán a potenciar a zona como destino turístico. Afecta a 20 concellos, dos que 8 están na provincia de Ourense: A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Esgos, Xunqueira de Espadañedo, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira e Castro Caldelas.
 
 
Asinado un convenio para dinamizar e fomentar a riqueza turística da Ribeira Sacra
 
14 de JULIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

A titular da Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra asinaron este martes en Santiago de Compostela un convenio para a xestión de actividades de promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo da Ribeira Sacra.
A Ribeira Sacra está integrada por un total de vinte concellos, dos que oito están na provincia de Ourense, que son A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Esgos, Xunqueira de Espadañedo, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira e Castro Caldelas.

Entre as accións máis relevantes, salientouse a campaña de promoción turística “Ribeira Sacra, onde nacen os sentidos”. Ademais tamén se aludiu á importancia que supón dar continuidade ao viñobús destinado a promocionar a Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
A terceira acción de importancia radica na finalización das obras do centro de recepción de visitantes, situado no municipio lucense de Sober. O orzamento total do convenio acada os 185.937 euros, dos que a Secretaría Xeral para o Turismo achega un total de 149.000 euros.

Carmen Pardo reparou na “orixinalidade coa que inicia a campaña de promoción turística da Ribeira Sacra deste ano”, con accións como a baseada no autobús turístico “Ribeira Sacra, onde nacen os sentidos”, que parte da capital galega. “Trátase de artellar propostas dende unha perspectiva revitalizadora, experiencial, motivadora e con afán de continuidade, que sexan quen de incrementar os fluxos turísticos e de dar a coñecer dunha maneira didáctica e amena a oferta turística global da Ribeira Sacra”, asegurou a secretaria xeral durante a súa intervención.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página