Unha publicación de Manoel Carrete e Xulio Cougil descibe ao longo de 200 páxinas a traxectoria profesional e persoal de Tiberio Ávila, considerado o decano dos emigrantes galegos en Barcelona e un dos principais impulsores da galeguidade en Caluña a finais do Século XIX. Este martes foi presentado na Deputación este libro que recolle a personalidade e a obra deste político e artista de Viana do Bolo. Tiberio Ávila foi elixido deputado en Cortes por Valdeorras durante a I República, pasando pola súa etapa de profesor na Escola Superior de Belas Artes de Bacelona onde chegou a impartir formación a Pablo Picasso.
 
 
A Deputación publica unha biografía de Tiberio Ávila, decano dos emigrantes galegos en Barcelona
 
30 de JUNIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

A Deputación provincial de Ourense ven de publicar a biografía do político e artista vianés Tiberio Ávila, decano dos emigrantes galegos en Barcelona e un dos principais impulsores da galeguidade en Cataluña a finais do Século XIX.
A obra, da que son autores Manoel Carrete e Xulio Cougil, describe ao longo de 200 páxinas a traxectoria persoal e profesional deste destacado persoeiro ourensán decimonónico, natural de Viana do Bolo, traxectoria que abrangue dende a etapa na que foi elixido deputado en Cortes por Valdeorras durante a I República, pasando pola súa etapa de profesor na Escola Superior de Belas Artes de Bacelona, onde impartiu formación a Pablo Picasso, e finalmente a súa participación na creación do Centro Galego de Barcelona, entre outras etapas da súa vida.
Tiberio Ávila cursou en Madrid dúas carreiras universitarias, estudos que compaxinou coa formación na arte da pintura, na Academia de San Fernando, onde foi bolseiro da Deputación de Ourense. Precisamente, desta etapa son dúas obras pictóricas súas que se exhiben na institución provincial.

No acto de presentación do libro, o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, dixo que ao publicar esta biografía faise un xusto recoñecemento “a un ourensán que foi polo mundo facendo sempre gala de galego e de ourensán, ata o punto de participar na creación do Centro Galego de Barcelona, do que foi vicepresidente”.
Pola súa banda, Manoel Carrete, en nome dos dous autores, agradeceu á Deputación de Ourense a sensibilidade demostrada ao apostar pola publicación do libro “porque nos permite abrir unha fiestra ao pasado para traer ao presente a un gran personaxe que fixo moito por Viana, por Ourense e por Galicia”, explicou.

Finalmente, Andrés Montesinos, alcalde de Viana, reiterou á Deputación o agradecemento pola publicación da obra e dixo que este é unha iniciativa que pretendemos continuar con futuras publicacións “para darlles o recoñecemento que tamén merecen a outras figuras importantes da historia do noso concello, que tanto fixeron polo progreso e a cultura da nosa comarca”.

A tirada do libro “Tiberio Ávila, un ourensán de Viana” é de 1.000 exemplares. Repartirase entre os centros galegos –principalmente de Cataluña-, bibliotecas, centros culturais e diferentes colectivos sociais e culturais.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página