Xosé Manuel Freire

 
  O alcalde de Barbadás, José Manuel Freire, apoiou unha moción do PSdeG instando á Xunta a que retire o proxecto da Lei de Augas de Galicia. O rexedor estivo de acordo cos plantexamentos feitos polo Grupo Municipal Socialista de Barbadás e amosou a través da aprobación da moción as súas reticencias hacia un texto aprobado polo Goberno de Núñez Feijóo. Deste xeito Freire posiciónase en contra do Proxecto da Lei de Augas, aprobado o 27 de maio polo Consello da Xunta, sinala o Grupo do PSOE autor da proposta que contou co sorprendente apoio do rexidor municipal do Partido Popular.
 
 
O PP de Barbadás vota en contra do Proxecto de Lei de Augas de Galicia e apoia unha moción do PSdeG
29 de JUNIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Segundo os socialistas, que lidera como portavoz Xosé Carlos Valcárcel, o alcalde de Barbadás suscribiu a argumentación feita por Valcárcel, quen sinalou que “a proposta feita polo Goberno do señor Feijóo para o seu debate no Parlamento non ten acadado os necesarios acordos sociais nen dos concellos Galegos”, lembrando tamén que o propio Consello Económico e Social emitiu xa un informe moi crítico.
Valcárcel afirmou que o proxecto de lei presentado polo PP e que foi vetado onte polo grupo de goberno de Barbadás (tamén do PP) conleva un incremento do custo da auga que consumen os Galegos en máis do duplo e nalgúns casos a subida chega ata o triple do custo actual.
O voceiro socialista amosouse en contra de medidas deste tipo, pois hai poucos meses a subida da auga en Barbadás “xa prexudicou de abondo á veciñanza e sería impensable que novamente o PP volvese gravar á cidadanía con outra suba”. Xosé Carlos Valcárcel explicou que o prezo da auga se se aproba o proxecto de Núñez Feijóo “incrementaríase tanto que en familias cun promedio de tres componentes a suba chega a máis de un 140 %”.

Na iniciativa do PSdeG incluíase tamén un apartado mediante o que o Concello de Barbadás vai revisar a ordenanza fiscal reguladora da taxa do subministro de auga para o exercicio 2011, de xeito que se favoreza o uso racional da auga. “O rexedor, ó aprobar o conxunto da moción, adquiriu así o compromiso de revisar a normativa para diferenciar os consumos domésticos dos de carácter industrial, unhas modificacións que o Grupo Municipal Socialista ven propondo dende o comezo da lexislatura”, sinala ao respecto os socialistas.
Xa que a sorpresa chegaría cando, no trascurso do debate plenario, o rexedor mudou o sentido do voto do seu grupo respecto á comisión informativa previa celebrada o pasado mércores, onde anunciara o seu posicionamento en contra da proposta socialista.

José Manuel Freire Couto xustificou a súa oposición ó Proxecto da Lei de Augas de Galicia e o seu apoio ós Socialistas neste asunto argumentando que este tipo de normativas contribúe a agravar a situación das economías familiares. Amosouse deste xeito a favor de paralizar esta normativa enviando o acordo plenario polo que se insta á Xunta a retirar o proxecto de lei.
Freire coincidiu tamén cos plantexamentos do PSdeG ó afirmar que “é preciso consensuar unha normativa destas características coa Federación Galega de Municipios e Provincias”.
O rexedor de Barbadás chegaría a asegurar que apoiaba a moción socialista “porque me parecen coherentes os seus plantexamentos”. Para o alcalde “o uso eficiente da auga en Galicia é algo que está pendente porque o problema e o sobrecusto da auga xenérao a depuración da auga”.

Nesta ocasión, as propostas ao respecto plantexadas pola oposición, PSOE e BNG, saíron adiante co apoio da mayoría do Partido Popular.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página