Un total de 80 traballadores da Administración Local veranse beneficiados por actividades formativas que desenvolverá o acordo que renovaron este venres a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Está dotado con 12.000 euros. Tódalas accións dirixiranse a traballadores de esta provincia. Segundo se puxo de manifesto polo titular da Deputación e polo representante da Fegamp, Carlos Fernández, a día de hoxe hai na provincia de Ourense 5.700 traballadores da Administración Local.
 
 
Deputación e Fegamp asinan un convenio para accións formativas na Administración Local
 
19 de JUNIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

O presidente da Deputación provincial de Ourense, José Luis Baltar, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, Carlos Fernández, asinaron este venres un convenio de colaboración para a realización durante o ano 2010 de accións formativas para o persoal ao servizo da Administración Local na provincia de Ourense.
Para levar a cabo o programa formativo, do que se beneficiarán 80 traballadores da Administración Local, a Fegamp financiará a realización das actividades coa cantidade de 12.000 euros, mentres que a Deputación de Ourense seleccionará aos asistentes de cada acción formativa e comprométese a realizalas antes do 31 de decembro do presente ano.

Tanto José Luis Baltar como Carlos Fernández coincidiron en afirmar a excelente colaboración existente entre ambas entidades, e consideran fundamental atender as necesidades formativas dos empregados públicos –na actualidade hai na provincia de Ourense 5.700 traballadores da Administración Local-, entendendo que é “un valor estratéxico para a adaptación destes traballadores aos procesos de cambio e ás crecente complexidades na xestión diaria dos entes locais”, afirma José Luis Baltar.
O presidente provincial destaca ademais que nos tempos de crise que estamos a vivir “o mellor investimento que se pode facer e na formación dos recursos humanos; proba delo é o excelente traballo que está a realizar o Negociado de Formación da Deputación, co seu responsable, Carlos Castiñeiras, á cabeza, que inclúe no seu Plan de formación un total de 56 cursos e máis de 70 actividades formativas”.

Pola súa banda, Carlos Fernández explicitou a importancia de seguir mantendo esta liña de colaboración coa Deputación de Ourense, “nun campo como a formación, que supón investir no futuro dos traballadores aportándolles as ferramentas de coñecemento que necesitan para levar a cabo a súa labor profesional”.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página