É a primeira vez que un libro que ten por temática a gaita se traduce ao idioma xaponés. Esto ocurriu con “Os segredos da gaita” de Xosé Lois Foxo, que foi presentado este sábado no Centro Cultural da Deputación. O autor da traducción, Toru Sonoda, sinalou que “este libro faise imprescindible para entender e aprender a gaita, e por elo pensei e facer a súa tradución ao xaponés”. Pola súa banda, Xosé Lois Foxo aproveitou para presentar tamén a “XXV Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, que se celebra no Castelo de Monterrei. Este ano a Xuntanza trae a Ourense a gaiteiros de lugares do mundo onde non existe tradición da gaita galega pero onde está a ter un repunte importante o interese por este instrumento, como é o caso de Serbia e Xapón.

 
 

O catón da Gaita de Xosé Lois Foxo xa se pode ler en xaponés, idioma ao que xa se atopa traducido

 
12 de JUNIO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu a presentación do libro “Os segredos da gaita”, de Xosé Lois Foxo, traducido ao xaponés. É a primeira vez que un libro desta temática se traduce ao idioma nipón, e ten como finalidade difundir en Xapón a cultura deste instrumento musical tan característico de Ourense e de Galicia. O acto contou coa presenza de Xosé Lois Foxo e do traductor e editor da obra, Toru Sonoda, quen ademais e músico e artesán fabricante de gaitas.
Segundo explicou Xosé Lois Foxo “este é un paso moi importante no camiño que estamos a realizar dende fai 25 anos por difundir a música e a cultura galega asociada á gaita, e o interese que están a demostrar as culturas orientais pola cornamusa énchenos de orgullo e motívanos para seguir traballando nesa liña”.

Pola súa banda, Toru Sonoda explicou Xapón estase abrindo a novas formas musicais “e a gaita galega é un instrumento que está calando fondo entre os novos músicos. De feito xa hai músicos famosos en Xapón que participan en festivais e concertos onde o mundo Celta e a gaita galega están moi presentes”.
En relación ao libro de Xosé Lois Foxo, Toru Sonoda cualificouno como “a Biblia dos gaiteiros”, “pois abrangue nun profuso traballo de investigación todos os ámbitos de interese da gaita, tanto no que atinxe a historia, cultura, etnografía, técnica e música. Para min este libro faise imprescindible para entender e aprender a gaita, e por elo pensei e facer a súa tradución ao xaponés”.

Monterrei acolle este sábado a XXV Xuntanza Internacional de Gaiteiros
 
Foxo presentou tamén neste acto a “XXV Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, que este sábado se celebra no Castelo de Monterrei, organizada pola Deputación de Ourense, a Escola de Gaitas da Deputación, e o Concello de Monterrei.
Esta edición ten un carácter especial dado que se cumpren 25 anos da Xuntanza e tamén da creación da Escola de Gaitas e do Museo da Gaita, único no mundo na súa especial dedicación á promoción, difusión e conservación da gaita galega.

Este ano a Xuntanza trae a Ourense a gaiteiros de lugares do mundo onde non existe tradición da gaita galega pero onde está a ter un repunte importante o interese por este instrumento, como é o caso de Serbia e Xapón. Haberá actuacións de gaiteiros de Italia, Serbia, Xapón, Escocia, Cantabria, Pontevedra e Ourense, ademais dos concertos da Real Banda de Gaitas e da Banda de Gaitas do Concello de Verín.
 
Entre as actividades paralelas haberá unha homenaxe ao xornalista Rafael Cid, ao cal se lle entregará a “Chave da Escola de Gaitas”, pola súa labor de investigación e difusión etnográfica na comarca de Monterrei, e tamén haberá unha exposición de iconografía da gaita, na casa do Escudo de Verín, e unha exposición de bibliografía e discografía de música celta e instrumentos populares.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página