O Consello da Xunta autorizou na súa reunión deste venres a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de Xinzo de Limia para a urbanización da praza de Santa Mariña e da rúa Marcelo Macías, ambas situadas neste municipio ourensán. A Xunta de Galicia realiza unha achega económica de máis de 527.000 euros, dividida en dúas anualidades, polo que neste ano, o departamento que dirixe Agustín Hernández achegará 300.000 euros, aboando no ano 2011 máis de 227.000 euros.
 
 
A Xunta achega máis de 500.000 euros para urbanizar dous espazos importantes de Xinzo
15 de MAYO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Un dos obxectivos deste proxecto é facer as obras de acondicionamento e recuperación do espazo central do grupo de vivendas Santa Mariña, co fin de poñelo en valor como espazo de convivencia dos veciños e, á vez, modernizar as instalacións dos servizos urbanísticos existentes, co que se contribuirá a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.
Así mesmo, executaranse obras de urbanización na rúa Marcelo Macías, situada entre rúa Formigueiro e Sarxento Rodríguez, no centro urbano de Xinzo de Lima. Esta vía constitúe unha importante vía de comunicación na que tamén se sitúa o colexio de EXB Sergio Mascareñas con 700 escolares e un importante fluxo vehicular.

O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante este tipo de obras, “tenta converter o territorio nun factor protagonista da competitividade e da igualdade, participando así como axente activo do desenvolvemento económico e de cohesión social”, sinala a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta.
O citado acordo constitúe un incentivo para que os residentes impulsen os labores de rehabilitación das edificacións e consecuentemente contribúan á creación de espazos atractivos para a posta en marcha das actividades cotiás mellorando a calidade de vida dos cidadáns. O acondicionamento beneficia a máis de 10.000 habitantes do municipio ourensán de Xinzo.

Pola súa banda, o concello de Xinzo deberá realizar todos os documentos técnicos que sexan precisos para a completa definición da obras; poñer á disposición da Consellería de Medio Ambiente os terreos necesarios, libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico adecuado, para a execución das obras a que se refiren as actuacións, así como a reposición de servizos e servidumes. Así mesmo, levar a cabo as xestións pertinentes para a obtención dos permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias.
Tamén terá que asumir, unha vez realizadas as obras, a explotación e conservación destas. 

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página