Longa viaxe da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense nesta ocasión, xa que se achega a China. Alí estará unha semana para percorrer cidades como Shangai, Xian e Pekín, participando na “Exposición Universal” de Shangai e ofrecendo un concerto que terá como escenario a Gran Muralla China. Segundo a Deputación, a Real Banda leva a China “a mensaxe de amizade e concordia do pobo ourensán e galego, unida á difusión de España que leva espallando por todo o mundo dende a súa creación”.
 
 
A Real Banda de Gaitas da Deputación viaxa a China para dar un concerto na Gran Muralla
 
15 de MAYO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense inicia este sábado a súa primeira xira por China, que a levará durante unha semana a percorrer as cidades de Shangai, Xian e Pekín, participando na “Exposición Universal” de Shangai e ofrecendo un concerto que terá como escenario a Gran Muralla China, ademais da súa presenza en diversos actos institucionais entre os que figuran unha recepción no Concello de Pekín e no “Instituto Cervantes”, segundo informa a Deputación de Ourense.
Os integrantes da Real Banda partirán as catro e media da tarde deste sábado, dende a sede da Escola de Gaitas no Campus Universitario desta cidade.

Segundo a Deputación, a Real Banda leva a China “a mensaxe de amizade e concordia do pobo ourensán e galego, unida á difusión de España que leva espallando por todo o mundo dende a súa creación”. Así, recórdase que ten ofrecido concertos para as personalidades máis relevantes do panorama internacional, dende o Papa Xoán Pablo II ata o emperador do Xapón, pasando por presidentes de goberno, autoridades institucionais, comunidades galegas e españolas no exterior, e actuando nos máis destacados eventos e festivais culturais e sociais do mundo.

Na súa xira por China, a Real Banda gravará no incomparable escenario da Gran Muralla unha produción audiovisual titulada “A Real Banda en China” que, segundo o seu director, Xosé Lois Foxo, “ten como obxectivo demostrar a afinidade musical entre dúas culturas tan distantes como a galega e a chinesa”. Para este proxecto audiovisual a Real Banda ven de gravar dous temas en chino: “Mo li hua” e “Full of Joy”, que xa se están emitindo nas emisoras de toda España.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página