Deputación de Ourense, Centro Cultural e Centro Comercial Aberto veñen de montar unha nova iniciativa que tenta constituir “unha alternativa de ocio e cultura para dinamizar Ourense”, sinalaron os responsables do proxecto no acto de presentación do mesmo. Trátase de actividades ao aire libre dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, que se realizarán nos Xardíns do Padre Feijoo en horario de 11.30 a 13.00 horas. Preténdese que estas actividades organizadas para os rapaces lles permitan aos pais e familiares dispoñer de máis tempo libre os sábados pola mañá para que poidan dedicar ese tempo de ocio a outras actividades, o que tamén debería contribuir a dinamizar o comercio local.
 
 
Xurden os “Sábados de lecer”, unha alternativa de ocio e cultura dirixida aos cativos
 
6 de MAYO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

A Deputación de Ourense, o Centro Cultural  e o Centro Comercial Aberto presentaron este mércores os “Sábados de Lecer”, iniciativa que ten como obxectivo “dinamizar cultural e comercialmente a cidade de Ourense, regalando ocio para os rapaces e tempo para os pais durante o fin de semana”.
Trátase de actividades ao aire libre dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, que se realizarán nos Xardíns do Padre Feijoo en horario de 11.30 a 13.00 horas. Comezarán o vindeiro sábado e prolongaranse inicialmente ata finais de xuño.
Consisten en contacontos e obradoiros de lectura, debuxo e ilustración que se realizarán con publicacións de coleccións infantís do Consorcio Editorial Galego, que engloba a 34 editoriais galegas.

Ao mesmo tempo, sinalouse no acto de presentación desta iniciativa, preténdese que estas actividades organizadas para os rapaces lles permitan aos pais e familiares dispoñer de máis tempo libre os sábados pola mañá para que poidan dedicar ese tempo de ocio a outras actividades, entre elas a dinamizar o comercio local.
Segundo explicou Francisco González, director do Centro Cultural da Deputación, “con este proxecto preténdese axudar aos rapaces a desenvolver destrezas sociais e creativas, á vez que se lles estimula para adquirir maior hábito de lectura; e tamén permítelles aos pais ter tempo libre para realizar recados e outro tipo de actividades que reservan para os sábado”.

En concreto, no que atinxe ás publicacións empregadas nos obradoiros, Francisco González dixo que son sempre publicacións de carácter didáctico “que relatan aventuras que lles acontecen a personaxes cos que se pretende que se identifiquen os nenos, tentando así espertar un maior interese pola lectura”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación provincial afirmou que todas as iniciativas que se leven a cabo en favor dos nosos rapaces “contará co apoio da Deputación, porque estimular a cultura e os valores sociais nos rapaces é o mellor investimento que se pode facer”, e engadiu que este proxecto ten especial relevancia “porque contribúe a dinamizar o noso comercio local e estimular o consumo nun momentos certamente críticos para as economías familiares, comerciais e empresariais”.
Nesta mesma liña pronunciouse Emilio González, presidente do Centro Comercial Aberto, agradecendo ademais a colaboración que sempre ten amosado a Deputación de Ourense co comercio urbano, sinalou que “queremos que a rúa sexa a protagonista de actos culturais e de ocio dirixidos aos nenos, e para elo, xunto cos Xardíns do Padre Feijoo, tamén desenvolveremos actividades nas galerías comerciais da cidade, para que todos sexan espazos de ocio e disfrute para a cidadáns”.

Os nenos e nenas interesados en participar nos “Sábados de Lecer” teñen unha cita o vindeiro sábado, 8 de maio, nos Xardíns do Padre Feijoo, ás 11.30 horas.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página