O subdirector xeral de Inmigración e Retorno, Antonio Aguarón, ven de anunciar a intención da secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia de crear grupos de traballo de carácter permanente en materia de mediación intercultural e a formación para o colectivo inmigrante. Cada un dos grupos estará constituido por axentes sociais do eido das migracións perteñecentes a administración local, entidades e ONG´s. O obxectivo desta actuación é potenciar permanentemente programas e actuacións coherentes para inserción deste colectivo.
 
 
A Xunta crea grupos de traballo permanentes en mediación e formación para o colectivo inmigrante
 
16 de ABRIL de 2010: OURENSE DIXITAL
   

O subdirector xeral de Inmigración e Retorno, Antonio Aguarón, ven de anunciar en Arteixo, na inauguración das VIII Xornadas de Sensibilización sobre a Interculturalidade, a constitución por parte da Secretaría Xeral da Emigración de dous grupos de traballo en mediación intercultural e formación para o colectivo inmigrante.
Cada un  dos grupos está constituído por axentes sociais do eido das migracións pertencentes á administración local, entidades e ONG´s de Galicia “a fin de poder traballar todos na mesma liña, fomentar a coparticipación e fortalecer permanentemente as canles de colaboración na procura da socialización e inserción do colectivo”, sinalou o subdirector xeral de Inmigración e Retorno

Neste punto, Aguarón apelou a “traballar conxuntamente nun momento difícil” marcado polo descenso de ata o 65% na partida referida á integración de inmigrantes dos Presupuestos Generales del Estado. Daí, a necesidade de “rendibilizar ao máximo os recursos, ante o drástico recorte en políticas migratorias”, criticou o responsable da Inmigración da Xunta de Galicia.

Ámbolos dous grupos de traballo porán o énfase na formación de profesionais de alto nivel no ámbito das migracións internacionais e da mediación intercultural, que contribuirán a favorecer unha convivencia harmónica e intercultural no xurdimento de novas demandas e necesidades sociais.
Doutra banda, abrirase un foro permanente que avaliará as iniciativas que xurdan do da Plan de Formación 2010, que contén accións formativas tanto no eixo da acollida coma na integración social; e que será obxecto de seguimento por outro grupo de traballo.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página