A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, anuncia que publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia  as adxudicacións de catro obras hidráulicas na provincia de Ourense. Corresponden aos concellos de Arnoia, Padrenda, Riós e Larouco.
Estas catro melloras totalizarán un investimento de 535.000 euros, e centraranse na mellora das redes de abastecemento de auga, saneamento ou integración das augas residuais. “O obxecto básico destas obras hidráulicas é dotar aos concellos galegos das infraestruturas precisas para proporcionar unhas mellores condicións de vida aos cidadáns”, sinala o departamento de Agustín Hernández.
 
 
A Xunta anuncia algo máis de 500.000 euros para obra hidráulica en catro concellos de Ourense
3 de ABRIL de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Abastecemento en Arnoia

Nesta localidade, proxéctase un bombeo de residuais para recoller as augas de tres colectores de residuais, un colector de residuais e pluviais e un bombeo de residuais. O pozo de bombeo será prefabricado de formigón, e aloxará tres electrobombas somerxibles. Este bombeo deséñase para un caudal de 197 m³/h e contará cun aliviadoiro e un desareador de formigón armado previos.
Os tres colectores de residuais existentes conectaranse co novo pozo a través de 3 conducións de PVC de diámetros entre 250 e 500 mm, e sumarán unha lonxitude de 575 m.
O investimento previsto será de algo máis de 200.000 eruos, o prazo de execución é de tres meses, e a empresa adxudicataria é Construcciones Boalva S.L.

Saneamento en Padrenda

Aquí está previsto un investimento duns 100.000 euros nas actuacións de saneamento na localidade  de Freira, en Padrenda.
Deste xeito, completarase o saneamento do núcleo de Frieira mediante colectores por gravidade que levarán as augas residuais a unha depuradora prefabricada. Deberanse reubicar 149 m de canle de rego entre o muro e o colector.
A unidade de depuración estará composta por aliviadoiro, desbaste, decantador-dixestor e filtro biolóxico. O caudal medio diurno tratado será de 0,79 m³/h.
O prazo de execución establecido é de 6 meses. A empresa adxudicataria é Proyectos y Contratas Covelo S.L.

Depuradora en Riós

O núcleo de Trasestrada, en Riós, será obxecto das obras de integración das augas residuais, para o que se habilita un investimento de 225.000 euros.
As obras inclúen a instalación dunha depuradora de 150 h-e que recibirá as augas residuais dos núcleos de Sarreaus, Souto, A Iglesia e Domiz. Será unha planta modular mediante sistema de biodiscos con tratamento terciario de desinfección por UV. Tamén se proxectan 1.590 m de colector de PVC, deixando a conexión da rede de Sarreaus á nova EDAR para unha fase posterior das obras.
O prazo de execución do proxecto é de 3 meses, e a empresa adxudicataria é Construcciones y Promociones Cruzval S.L.

Renovación de saneamento en Larouco

As actuacións consisten na instalación de tres ramais independentes de saneamento que servirán a 107 habitantes, que partindo da Praza do Mercado conducirán as residuais e as pluviais por separado ata redes existentes. En total, executaranse 321 m de colector de PVC de diámetro 315 mm. Ademais, executaranse tamén 84 m de canalización soterrada con tubaxes de PVC (dúas de 110 mm de diámetro e unha de 160 mm) para a futura condución eléctrica e de alumeado público.
A empresa adxudicataria é Petrolam A Veiga S.L., que conta con un orzamento de 100.000 euros.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página