A ansiada Mancomunidade de Transporte Metropolitano de Ourense e os seus concellos limítrofes será realidade neste 2010. Ven de anuncialo o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Andrés García Mata. De feito, para a última semana deste mes quedou convocada unha reunión cos representantes de tódolos concellos implicados para darlle o visto e prace ao acordo acadado este xoves coa Dirección Xeral de Mobilidade. O servizo implantará para os usuarios unha tarxeta electrónica, o prezo do servizo será de 0,73 céntimos por viaxe (0,61 si se compran máis de 40 xuntos), e desaparece o intercambiador da Alameda. Os buses pararán na Saínza, nas Lagoas e na Avenida de Portugal, seguindo os consellos da Policía Local.
 
 
Os intercambiadores de Ourense estarán na Saínza, nas Lagoas e na Avenida de Portugal
 
12 de MARZO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Nunha xuntanza mantida este xoves entre os representantes do Concello de Ourense e os da Dirección Xeral de Mobilidade, pecháronse os últimos detalles técnicos para a constitución da Mancomunidade do Transporte Metropolitano de Ourense, cuxa posta en marcha será realidade neste 2010, segundo ven de anunciar o tenente de alcalde, Andrés García Mata. Na reunión da mañá deste xoves “clarificáronse as condicións da política tarifaria  e fixouse  o número de intercambiadores cos que contará Ourense”, sinálase dende a Tenencia de alcaldía do Concello ourensán.
Na mesma sesión quedou pechada a celebración dunha xuntanza na que dar o visto bó ao documento final do convenio para a posta en marcha da Área, unha reunión á que asistirán representantes do Concello de Ourense e os sete municipios limítrofes que integran a Mancomunidade. A datá está fixada para a última semana de marzo.

Ao respecto das políticas tarifarias, acordouse finalmente a posta en marcha dun servizo de tarxeta electrónica de pago (homoxéneo para todo o territorio galego) cun prezo de billete de 0,73 céntimos, que reduciráse a 0,61 en viaxeiros que compren máis de 40 viaxes. O tenente Alcalde explicaba que este modelo obedece “ a unha vontade de fidelización dos usuarios deste transporte, que adquiran o hábito de empregar esta liñas facilitándollelo ao máximo”.  Na subvención deste billete a Xunta aporta o 80% dos fondos e os Concellos o 20%, e a adquisición do mesmo suporá para o usuario unha hora de transbordo gratuíto nos autobuses urbanos da capital.

No referente as infraestruturas, as negociacións establecidas desde o Concello acadaron o compromiso da Dirección Xeral de Mobilidade  para que esta asuma na súa totalidade a a instalacións dos intercambiadores nos municipios e a adaptación das canceladoras dos autobuses ao novo sistema electrónico.
No tocante aos intercambiadores, finalmente o acordo delimita tres únicos na cidade de Ourense que irán ubicados na Saínza, barrio de Lagoas e Avenida de Portugal, sitúandoas en viais de acceso á capital como requerira a Concellería de Mobilidade de Ourense repetidas veces e recomendaran no seu momento os informes da Policía Local. Deste xeito desaparece o intercambiador da Alameda.

Os acordos acadados incorpóranse ao documento final que servirá como convenio entre a Xunta e os municipios implicados para a creación dun Área de Transporte Metropolitana en Ourense. Este concellos, cuxos representantes terán que estar presentes no acto de firma de finais deste mes, son  os de Amoeiro, Barbadás, Coles, Pereiro de Aguiar, San Cibrao de Viñas, Punxín e Toén, ademais do da capital.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página