Un total de 5,2 millóns de euros representa o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais da Deputación de Ourense a 91 concellos desta provincia (todos os de máis de 20.000 habitantes), que aprobou o pleno de febreiro da Corporación Provincial celebrado este venres, co apoio do BNG á proposta do Grupo do PP, Goberno, e a abstención do PSOE que discute os criterios para actuar nos viais da provincia. O Plan garante, de saída, un investimento en cada concello de 42.370 euros.
 
 
A Deputación aprobou este venres (PP co apoio do BNG) o Plan Provincial de Cooperación cos concellos en 2010
 
José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense
27 de FEBRERO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Co voto favorable do Grupo do BNG, a abstención do PSOE e o respaldo do Grupo do Partido Popular, Goberno, a Deputación de Ourense aprobou este venres, no pleno ordinario deste mes de febreiro, o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais 2010, que permitirá investir máis de 5 millóns de euros para a realización de obras municipais e mellora da rede viaria da provincia de Ourense.
Este Plan contempla destinar a obras municipais para os concellos da provincia un total de 4.011.840 euros, mentres que para a mellora da rede viaria da Deputación destinarase 1.215.000 euros, o que suma un total de 5.226.840 euros.
“A Deputación provincial de Ourense é a administración que maior porcentaxe de fondos destina a este investimento, o 40%, cun total de 2.117.766 euros de investimento, seguida da Administración do Estado (38%), e dos concellos da provincia (22%”, sinalan á vista destes datos os responsables da institución que preside José Luis Baltar.

As actuacións comprenden obras municipais e de melloras nas estradas, relacionadas coa pavimentación destas así como en núcleos urbáns rurais, construción de velatorios, redes de abastecemento e saneamento, construción de áreas recreativas, depuradoras, beirarrúas, construción de locais sociais, alumeado público, asfaltado de estradas, construción de fosas sépticas, cerramentos, sinais viarias, melloras de estradas e acometidas eléctricas.
Incluiranse igualmente no Plan Provincial todas aquelas obras para as que os concellos soliciten a súa inclusión (dotadas de financiamento municipal ou doutras administracións), para os efectos de obter a declaración de utilidade pública de cara a obter terreos mediante expropiación forzosa.

A distribución territorial por concellos do investimento en obras municipais efectuarase a cada concello de menos de 20.000 habitantes, sendo o investimento garantido para cada concello de 42.370 €. De todas formas, as bases contemplan que poderán incluírse investimentos superiores a esta cantidade, sempre e cando o concello achegue o financiamento complementario preciso.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página