O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Esgos para a execución das obras de reforma da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), do saneamento das zonas de Tarreirigo e Lampazas e o abastecemento de auga de Pardeconde. O importe total desta actuación ascende a case 200.000 euros, divididos en dúas anualidades, polo que neste ano se investirán 70.695 euros e os 120.000 restantes no vindeiro 2011.
Sinala a Xunta de Galicia que esta actuación está prevista no Plan Hidrolóxico de Galicia, promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
 
 
A Xunta asume obra hidráulica en Esgos sin coste algún para o Concello
12 de FEBRERO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

As actuacións no Concello de Esgos centraranse en levar a cabo as obras de reforma da EDAR, Estación Depuradora de Augas Residuais, así como en dotar os diferentes núcleos dos servizos mínimos municipais de saneamento e abastecemento de auga potable. Destas actuacións, unha vez completadas, beneficiaranse uns 1.300 veciños.
Segundo a Xunta de Galicia, neste momento as instalacións de abastecemento no núcleo de Pardeconde teñen unha captación insuficiente e contan cun depósito deteriorado que impide a prestación do servizo de en condicións óptimas, polo que é necesario facer dúas novas captacións, coas súas correspondentes gabias drenantes e conducións dirixidas a un novo depósito regulador que substitúa o actual.
O proxecto para correxir a situación contempla dúas novas captacións mediante pozos e colocaranse 487 metros de condución en polietileno ata un novo depósito regulador. Este depósito, con 25 m³ de capacidade, substituirá ao actual e se construirá en formigón.

Nos núcleos de Tarreirigo e Lampazas levaranse a cabo actuacións no saneamento. No primeiro destes núcleos definiranse os treitos de saneamento e abastecemento capaces de dar servizo a unha zona de importante crecemento industrial. Así, o abastecemento consiste en 210 metros de tubaxe de polietileno e a rede de saneamento estará composta de colectores de PVC de 315 e 200 mm de diámetro,
sumando un total de 1.017 metros, con inicio no mesmo punto que o abastecemento e que se prolongará por ambas as marxes da estrada OU-536, en dirección Ourense.
No caso de Lampazas, instalarase unha nova fosa séptica de tratamento biolóxico de augas residuais composta por desbastador, aliviadoiro de crecidas, filtro biolóxico e decantador-dixestor (ambos prefabricados de formigón) con cámara de descarga, conectada á rede de saneamento actual por 55 m de colector.

Polo que respecta a EDAR, Estación Depuradora de Augas Residuais, de Esgos, o proxecto contempla enmendar as deficiencias estruturais e de funcionamento da dita estación depuradora, polo que se instalarán novos sistemas de desbastamento e grosos e cribado de sólidos finos, para reter partículas de ata 3 mm. Ademais, melloraranse os sistemas de aireación da planta con novas soplantes, parrilla de difusores, e substituirase o cadro eléctrico.
A Xunta estima que estas carencias deben ser resoltas ante as necesidades expostas polos veciños e para incrementar a calidade do municipio, xa que neste momento os servizos mencionados presentan un déficit de infraestruturas.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página