O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acompañado do senador Xosé Manuel Pérez Bouza, realizou este xoves unha visita institucional aos concellos de Allariz, Vilar de Santos e Maceda. En declaracións aos medios logo de coñecer o centro de servizos sociais comunitarios-fogar dos maiores da vila alaricana, sinalou que “o BNG defende os servizos públicos como garantía de calidade, igualdade e cobertura total do territorio fronte á política privatizadora do PP”.
 
 
Guillerme Vázquez iniciou rolda de visitas aos concellos ourensáns gobernados polo BNG
 
Guillerme Vázquez, Francisco García, Xavier Oviedo e Pérez Bouza de camiño ao Castelo de Maceda
5 de FEBRERO de 2010: OURENSE DIXITAL
   

Guillerme Vázquez principiou este xoves unha actividade como portavoz nacional do BNG que se vai desenvolver nos vindeiros meses para coñecer de primeira man o labor do nacionalismo como forza de goberno nos concellos, segundo resulta da visita qu ecursou este xoves aos concellos ourensáns de Allariz, Vilar de Santos e Maceda que goberna o Bloque Nacionalista Galego. “Iniciamos este percorrido en Allariz, concello modelo e exemplo de boa xestión municipal do nacionalismo galego, que demostra unha visión de futuro”, sinalou Guillerme Vázquez.
En canto ás dotacións dos servizos sociais, destacou que representan unha necesidade, máis no ámbito rural, e salientou “a calidade de edificios como o Fogar dos maiores de Allariz e o labor positivo de crear e atender estas instalacións que fomentan a calidade de vida”. Neste sentido, dixo que o BNG defende os servizos sociais, sanitarios ou educativos de carácter público, pois son os únicos que garanten a igualdade e a calidade, con cobertura para todo o territorio.
Pola contra, “a política privatizadora do PP, que quere converter en obxecto de negocio os servizos sociais pode acabar en escándalos de empresas privadas que non atenden de forma adecuada nin ofrecen as prestacións con calidade”, afirmou.

A visita do portavoz nacional do BNG extendeouse de seguido á Casa do Concello de Vilar de Santos, onde foi recibido polo alcalde, Xan Jardón, quen salientou que este foi o primeiro concello con rexedor nacionalista da provincia ourensá. A seguir, visitaron o polígono industrial de Vilar de Santos, no que están instaladas 22 empresas que dan emprego a 135 persoas de forma directa, con destacada presenza de actividades relacionadas co sector agrario. Ademais, visitou o Museo etnográfico da Limia, un espazo recuperado que é un atractivo tanto para os veciños da comarca como para os visitantes que desexan coñecer os labores tradicionais ou a historia da Lagoa de Antela, ademais da arquitectura típica das casas de labranza.

O portavoz nacional foi recibido, ademais, polo grupo municipal nacionalista de Maceda, encabezado polo alcalde Francisco Xabier Oviedo. Coñeceron o Castelo de Maceda, para concluír a xornada, acompañados dos alcaldes de Allariz e Vilar de Santos, ademais do senador Pérez Bouza.

 
 
 
Volver atras
Imprimir Página